"Co horario de verán en Galicia amencería ás dez"

Varios físicos alertan das consecuencias negativas que tería o cambio de fuso horario estacional anunciado pola CE ► "é unha animalada e razóase falazmente", explicou Jorge Mira
 

Relojes. AEP
photo_camera Reloxos. AEP

"Se nos cinguimos ao horario de verán suporía que en Galicia non amencería ata as 10.00 horas [como en decembro, cando menos horas de luz hai] e, ao contrario, teriamos que renunciar a varias horas de sol nas tardes estivais", explicaba recentemente o físico de Meteogalicia Juan Taboada. De feito, el móstrase en contra do debatido e finalmente anunciado cambio horario estacional e avoga por manter a situación actual.

Ademais varios físicos alertaron das consecuencias que tería para España o cambio de fuso horario, como reclaman desde hai tempo asociacións como a Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois, e afirman que o país se atopa na zona horaria correcta polo que a materialización desta proposta sería "un disparate".

Así mesmo, o catedrático do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago, Jorge Mira, argumenta que "un cambio de fuso non só non arranxaría nada senón que incluso traería problemas". Ademais, engadiu que os científicos observan "con moito pánico que se está razoando sobre un mapa plano cando a Terra é redonda" á vez que advertiu de que se están dando argumentos que son falacias".

Ao seu xuízo, España "está no fuso correcto" e "se se cambia, vaise a xerar un caos que implicaría un custo enorme".

O BNG xa expuxo en 2006 instar o Goberno central a equiparar o horario de Galicia ao de Portugal e as illas Canarias
 

"é un disparate porque o modo de vida seguiría sendo o mesmo, sexa cal for o fuso, que é só unha manecilla do reloxo, porque o sol vai seguir saíndo e vaise pór igual —dixo—. Por exemplo: unha persoa sae actualmente ás seis da tarde pero, co cambio horario, sairía de noite polo que, como primeira consecuencia, isto implicaría que a vida se trasladaría unha hora máis cara á noite. E se para compensar, adiántase unha hora a entrada ao traballo, quedariamos exactamente igual que como estamos agora". O experto tamén lamentou que se estea "razoando sobre un mapa plano e non unha esfera" polo que non se poden comparar os horarios de España cos do resto de Europa.

"Non se pode comparar o norte, onde hai menos horas de luz, co sur do continente, onde gozan de máis horas solares. é unha animalada e razóase falazmente porque se fai sobre un mapa plano, aínda que sexa difícil de entender. Eu chámolles os ‘tierraplanistas", reiterou.

"É tan simple como ver a representación da terra nun globo terráqueo dunha escola. O seu eixo está torcido no soporte. E esa é a súa situación no espazo. Isto quere dicir que a duración da noite e o día cambian en diferentes partes do planeta", abundou Mira.

A Comisión Europea (CE) fará unha proposta lexislativa para eliminar o cambio horario bianual na Unión Europea (UE), segundo o desexo manifestado polos cidadáns europeos a través dunha consulta pública. "Millóns de cidadáns dixeron que xa non queren seguir cambiando os reloxos. A CE fará o que piden", salientou este venres o presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, nunhas declaracións a un medio alemán.

Un 84% dos cidadáns europeos e un 93 % dos españois que participaron na consulta sobre o cambio de hora pronunciáronse a favor de eliminar esta práctica, segundo os resultados preliminares da enquisa publicados este venres pola Comisión.

A CE obtivo máis de 4,6 millóns de respostas de cidadáns dos 28 Estados membros nunha consulta que mantivo aberta do 4 de xullo ao 16 de agosto pasados.

"CULTURA DO 'LIKE'". En referencia a esta enquisa realizada sobre o cambio horario, o físico galego Jorge Mira concédelle escasa credibilidade, "pois representa a cultura do ‘like' e os que votaron só supoñen o 1% da poboación europea, que vai arrastrar a todo o continente cara ao caos. Vaise a abrir a caixa de Pandora. Haberá que elixir e pode resultar todo moi fragmentado".

Os 28 países da UE se destribuyen en tres fusos horarios que abarcan desde Reino Unido ou Portugal (hora GMT) ata Finlandia ou Romanía (GMT+2). En 17 destes Estados, incluída España, o fuso é GMT+1, o que implica que, a pesar de estar moito máis ao oeste, o noso país (a excepción) de Canarias), ten a mesma hora que, por exemplo, Italia e iso provoca que aquí amenza máis cedo, segundo o reloxo, e anoiteza moito máis tarde que noutras latitudes.

O BNG xa expuxo en 2006 e por mor dunha petición iniciada por unha militante de Ourense, instar o Goberno a adaptar o horario galego ao de Portugal e Canarias. A iniciativa chegou ao Parlamento, pero foi rexeitada polo Executivo central en base a que partir en dúas os horarios da España peninsular carrexaría unha serie de trastornos laborais, de comunicacións e sociais que non compensarían o aforro enerxético.

Pero agora o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, non descartou que España poida ter "outro fuso horario" máis acorde á súa posición xeográfica, despois de que a Comisión Europea (CE) propuxese este venres pór fin ao cambio de hora estacional na Unión Europea por mor dunha consulta pública.

"Quizá España ten que estar noutro fuso horario. Francamente, non o sei. Demos a oportunidade ao Parlamento Europeo a ver se é capaz de atopar un común denominador entre países que están en situacións xeográficas tan diferentes", manifestou nun encontro cos medios durante a reunión de ministros de Exteriores.

Os resultados preliminares da enquisa mostran, ademais dun maioritario rexeitamento ao cambio de hora dúas veces ao ano, que máis de tres cuartas partes (o 76%) dos enquisados consideran que este supón unha experiencia "moi negativa" ou "negativa", unha porcentaxe que se eleva a cerca do 90% no caso de España.

En concreto, aludiron aos efectos negativos na saúde, o aumento dos accidentes de tráfico ou a ausencia de aforro enerxético como motivos para acabar con esta práctica.

Jorge Mira tamén se mostrou moi escéptico e socarrón con aqueles que argumentan padecer un malestar psicolóxico á hora de promover esta iniciativa. "A xente que di que sofre a síndrome do cambio de fuso horario ou a síndrome posvacacional. Enfermidades inventadas. Cada un saberá, pero a min paréceme esaxerado", espetou o físico galego.

"Un pode estar fodido por ir traballar, pero é parte da vida", asegurou este científico que aposta por buscar "un punto de equilibrio co sol".

Na enquisa europea destacou a alta participación de países do norte de Europa con Alemaña á cabeza e unha taxa do 3,79% da súa poboación nacional, seguido de Austria (2,94%) e Luxemburgo (1,78%). Os países con menor taxa de participación foron o Reino Unido (0,02%) e Romanía e Italia (ambos cun 0,04%), mentres que en España foi do 0,19 %.

Segundo a CE, o obxectivo da directiva do cambio horario non era harmonizar o réxime horario na UE, senón resolver os problemas derivados dunha aplicación descoordinada dos cambios de hora ao longo do ano, sobre todo para o transporte e a loxística. A iniciativa que presente a CE deberá ser debatida polo Parlamento Europeo e o Consello da UE.

Comentarios