Os hospitais galegos non comunicaron este xoves ningún falecemento por coronavirus, logo de notificar as dúas últimas vítimas mortais o martes e o mércores. En total, en Galicia morreron 618 persoas afectadas polo virus.
A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, e foi unha muller de 92 anos que estaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada coñecíase tamén a morte dun home de 81 anos hospitalizado en Pontevedra.
Desde o 18 de marzo, cando as vítimas mortais en Galicia ascendían xa a catro persoas, só houbo once días nos que non se comunicaron falecementos na comunidade.
O balance diario publicado este xoves pola Consellería de Sanidade mostra que o número de casos activos de Covid-19 en Galicia descendeu en 109 con respecto ao mércores ata situarse en 569. Mentres, os pacientes curados aumentaron en 115 ata 10.148.
Dos 569 casos activos en Galicia, 193 corresponden á área de Vigo –64 menos que o mércores—, 139 á da Coruña —oito menos–; 112 á de Santiago –18 menos—; 52 á de Ourense —oito menos—; 38 á de Lugo —un menos—; 20 á de Ferrol —os mesmos que a xornada anterior— e 15 á de Pontevedra —dez menos–.