lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

Os positivos detectados en Galicia mantéñense con 327 novos contaxios

Un sanitario efectúa un test do coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)
Un sanitario efectúa un test do coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)
Sanidade reduce en 1.675 as PCR realizadas en 24 horas, até as 4.468 probas

Galicia rexistrou 327 novos contaxios de coronavirus confirmados por PCR en 24 horas, o que implica unha estabilización ao subir en tan só catro con respecto aos notificados a xornada anterior. As áreas que rexistraron repuntes son as de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, pero a de Pontevedra mantense á cabeza co maior número de novas infeccións.

Segundo consta no parte deste martes da Consellería de Sanidade, con datos até as 18,00 horas do luns, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés notificou 70 positivos nun día, a cifra máis alta, a pesar de que baixou en oito.

Das áreas nas que subiron os novos casos confirmados, a de Lugo-Monforte-A Mariña sitúase como a de maior incidencia, con 60 novos casos, 22 máis que os notificados a xornada anterior. Segue a esta Santiago-Barbanza, con 52 novos positivos (+10); Vigo, con 43 (+1); e Ourense-Verín-O Barco, con 21 positivos (+5), que continúa como área con menos infeccións detectadas diariamente.

Pola contra, notificaron descensos nos positivos en 24 horas as áreas da Coruña, con 53 novos (-15), e Ferrol, con 28 (-13).

PCR E POSITIVIDADE

Así mesmo, os datos de Sanidade reflicten que até o momento se realizaron en Galicia un total de 858.609 PCR, o que implica que en 24 horas fixéronse 4.468. Isto supón unha importante baixada, xa que se practicaron 1.675 PCR menos que o día anterior.

En canto á positividade, elevouse até o 7%, unha cifra superior ao 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Tan só a área de Vigo está por baixo deste limiar, co 2,2% de positivos, mentres que seguen por enriba Pontevedra (17,5%), Santiago (9,7%), Ourense (8,1%), A Coruña (7,4%), Lugo (6%) e Ferrol (5,8%).

CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, este martes baixaron en 52, até colocarse no total de 8.617 pacientes.

A área sanitaria que reúne a maior cifra de casos activos segue sendo Vigo, que notifica 2.209, aínda que son 51 menos que o luns. Tamén baixaron nas áreas da Coruña-Cee, até os 1.759 (-29), a de Pontevedra-O Salnés, até os 1.235 (-1); e Ourense-Verín-O Barco, até os 627 (-10).

Ademais, subiron os pacientes na área sanitaria de Lugo-Monforte-A Mariña, que este martes notifica 1.108 (+11); en Santiago-Barbanza, con 982 (+23); e en Ferrol, con 697 casos activos de coronavirus (+13).

CURADOS E FALECIDOS

Así as cousas, os datos actualizados por Sanidade este martes indican que o total de contaxios desde o inicio da pandemia en Galicia ascende xa a 49.832, dos que se curaron 40.056 persoas, 382 nas últimas 24 horas.

Con todo, tamén continúan á alza as vítimas mortais diagnosticadas de covid-19, que este martes se sitúan en 1.161 tras notificarse o luns 15 novos falecementos, dos que sete eran usuarios de residencias de maiores.

Os positivos detectados en Galicia mantéñense con 327 novos contaxios
comentarios