Hostaleiros do centro da Coruña concéntranse contra o peche do lecer nocturno

► O peche do lecer nocturno xa estaba en vigor en nove concellos da Coruña a causa do brote detectado na área

► A Asociación Hostalería Compostela lamenta que non se informara previamente das causas que levaron a impor a medida

Protesta silenciosa convocada o pasado venres polos hostaleiros da Coruña ante as medidas relativas ao lecer nocturno anunciadas polo Ministerio de Sanidade. KIKO DELGADO/EFE
photo_camera Protesta silenciosa convocada este venres polos hostaleiros da Coruña ante as medidas relativas ao lecer nocturno anunciadas polo Ministerio de Sanidade. KIKO DELGADO/EFE

Medio centenar de hostaleiros do centro da Coruña concentráronse este venres na praza de María Pita contra o peche do lecer nocturno. "Queremos que nos deixen traballar", resumiu un dos seus representantes, Daniel Mosquera, alegando que son "os primeiros" que desexan "que isto salga ben". 

A concentración tivo lugar antes de que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, decretase o peche de establecementos de lecer nocturno en toda España, unha medida que xa estaba en vigor en nove concellos da Coruña polo brote detectado na área, e á que se opoñen os hostaleiros. 

"As medidas están ben pero que nos deixen cumprilas e, para poder cumprilas, temos que poder traballar", dixo o portavoz, que recordou que os locais estiveron catro meses pechados e só un aberto. Por iso considera que a contía dos danos económicos "pode ser moita". 

Tras media hora de concentración, en silencio e con distancia de seguridade, Lolo Villaverde leu un poema no que clamaba: "O único que nós facemos é que o descanso, despois dun día de traballo das xentes, sexamos nós, a Hosteleria, en xeral, o que dá ao Pobo alegría e abrigo".

EQUILIBRIO. Pola súa banda, a Asociación Hostelaría Compostela tamén comunicou o seu malestar ante as últimas medidas anunciadas polo Ministerio de Sanidade. "Lamentamos que non se nos informou previamente das causas da toma desta decisión", sinalan na Xunta Directiva.

O sector considera que este tipo de medidas non poden prolongarse no tempo sen unha alternativa de lecer nocturno para a poboación e advirte que esta situación pode levar a optar por outro tipo de reunións en espazos privados onde non hai ningún tipo de control, como as que si estaban a levarse a cabo no interior de bares de copas e discotecas (control de aforamento, distancia de seguridade, uso da máscara...).

A entidade reclama á Administración a busca dun equilibrio entre a seguridade sanitaria e o mantemento dos negocios dun sector do que viven milleiros de familias e do que dependen moitas outras empresas provedoras e distribuidoras.

Comentarios