Iglesias ve "clarísimo" o traspaso da AP-9 a Galicia

Pontón reivindica o mérito do BNG na transferencia da xestión da autoestrada
Pablo Iglesias. EFE
photo_camera Pablo Iglesias. EFE

O vicepresidente segundo do Goberno e líder de Podemos, Pablo Iglesias, defendeu este luns o compromiso do Executivo central respecto ao traspaso das competencias da AP-9 a Galicia e dixo ter "clarísimo" que así se fará.

Nunha entrevista na TVG, Iglesias reiterou que este Goberno vai ter que dar as competencias da xestión da autoestrada ao Goberno galego", tal e como solicitou o Parlamento galego en reiteradas iniciativas, que aínda non se debateron no Congreso.

Tamén considerou que o Goberno central está disposto a atender as prioridades de Galicia tales como a situación das empresas  electrointesivas xa que, admitiu, "o estatuto das electrointensivas hai que melloralo".

Con todo, sobre a petición da Xunta sobre as cantidades que o Goberno central debe a Galicia por unha mensualidade do Ive de 2017, Iglesias reiterou que "agora estamos atados pola legalidade polo que ese aspecto unicamente se poderá solucionar mediante unha negociación de orzamentos que esperamos sacar adiante. Respecto diso, considerou que é evidente que un dos grandes problemas do noso país é o financiamento autonómico".

Pontón: "É un logro de todos os galegos"
Ao respecto das palabras de Iglesias, a portavoz do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou que a transferencia da AP-9, é "un logro de todos os galegos" que "conseguiu o BNG" no pacto para a investidura como presidente do Goberno de Pedro Sánchez. 

Pontón sinalou que este ano será "no que se transfira a AP-9 a Galicia" e "non só" iso, senón o da "rebaixa máis importante" da autoestrada.  Ademais, augurou que "ten que ser a primeira de moitas máis competencias" transferidas a Galicia. "Non podemos seguir co autogoberno conxelado", advertiu a dirixente nacionalista, quen sinalou que "cantas máis ferramentas, máis futuro" terán os galegos.

En todo caso, avisou de que se segue Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, "está claro" que Galicia "non terá" a competencia da principal vía de conexión do eixo atlántico galego.

Comentarios