Imputados Yolanda Díaz e Gómez-Reino pola protesta de Alcoa no Congreso

Acúsaselles de atentado contra a autoridade por incitar aos traballadores a saltarse o cordón policial
Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)
photo_camera Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino. CABALAR (EFE)

Os deputados de Galicia en Común Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino e a exdeputada por Pontevedra Ángela Rodríguez, Pam, foron imputados por un xulgado de Madrid polos incidentes ocorridos durante a concentración de traballadores de Alcoa no Congreso do pasado 28 de marzo. Atribúeselles un delito de atentado contra a autoridade.

Tamén están citados en calidade de investigados o exdeputado de Podemos Rafa Mayoral, varios traballadores de Alcoa e dous dirixentes sindicais de CC.OO.

A concentración contra o peche das plantas de Avilés e A Coruña saldouse cun traballador detido e varias cargas policiais. 

A acusación apunta que os deputados incitaron aos manifestantes a saltarse o cordón policial. No caso de Mayoral, o atestado policial asegura que non mostrou ningunha identificación persoal e que participou activamente e de forma reiterada na rotura do valado, empuxando aos policías, recriminando a súa actuación e arengando á xente.

A Policía fixo unha descrición similar da participación de Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez. No caso de Gómez Reino, detalla que empuxou dúas veces a un policía coas dúas mans mentres lle dicía "que estades a facer" ou "estamos tolos".

"É unha persecución política"
"En primeiro lugar, queremos mostrar a nosa solidariedade cos traballadores, non merecen ser denunciados por defender os seus dereitos, especialmente na situación na que se atopaba Alcoa. Os traballadores deron un exemplo de mobilización pola inacción do Goberno", indicaron Díaz, Gómez Reino, Ángela Rodríguez e Mayoral este xoves en rolda de prensa.

Os imputados reclamaron a comparecencia do ministro do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para que explique como se desenvolveu esta causa xudicial que consideran irregular. "É unha persecución política. é insostible que se persiga aos deputados por defender aos traballadores", incidiron.
Aforados
Rafael Mayoral optou este mércores por non acudir a declarar ao xulgado. A titular do xulgado de instrución número 25 de Madrid citou polo menos a Mayoral e a Antón Gómez Reino -este último o día 24 por videoconferencia-, a pesar de que ambos son deputados e xa que logo aforados ante o Tribunal Supremo, único tribunal que pode investigalos.

Comentarios