Incautan máis de 80 armas, moitas prohibidas, a un veciño de Ponteareas

Parte do arsenal, que inclúe pezas de guerra e máis de 3.400 cartuchos, estaba nunha caixa forte oculta

A Garda Civil incautou varias decenas de armas, entre as que se inclúen moitas de guerra, nunha propiedade do municipio de Ponteareas. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou a magnitude da operación na mañá deste martes na Comandancia pontevedresa.

A operación Iceberg sáldase así coa intervención dun dos maiores arsenais de armas ilegais de Galicia. Nun dobre fondo nunha librería dunha vivenda localizáronse 84 armas de fogo e 3.411 cartuchos metálicos de diferentes calibres. Hai un detido.

Losada destacou que "hoxe os delincuentes e terroristas teñen menos oportunidades de facer dano á nosa sociedade", polo que felicitou á Garda Civil. "Retirar estas armas é gañar vida", dixo.

A operación, que segue aberta, iniciouse o pasado mes de marzo, cando a Garda Civil detectou que un veciño de Ponteareas, con licenza de armas como tirador deportivo, estaba a adquirir a través de internet pezas e accesorios que non correspondían ás que posuía legalmente, e que se consideraban de guerra. 

Parte das armas incautadas atopáronse nunha caixa forte de grandes dimensións oculta tras un sofisticado dobre fondo detrás dunha librería, segundo indicou o instituto armado. 

Coa autorización do xulgado de instrución número 2 de Ponteareas practicouse un rexistro que permitiu atopar as armas de fogo ilegais ocultas nunha parcela de grandes dimensións e a detención do seu responsable. Está investigado polos supostos delitos de depósito de armas de guerra, depósito de armas, tenza ilícita de armas prohibidas e depósito de municións. 

ARSENAL. Das 84 armas de fogo intervidas, destacan polo seu especial perigo dez consideradas como de guerra: tres subfusís, tres fusís de asalto, dúas metralladoras, un fusil ametrallador e unha pistola metralladora. 

Algunhas das armas tiñan os seus números de serie borrados ou alterados, polo que a investigación continúa aberta para descubrir a orixe das mesmas. Non se descarta que procedesen de roubos ou que puidesen ser introducidas ilegalmente en España. 

Losada destacou que "armas como as recuperadas nesta operación empregáronse en atentados terroristas, como o que se produciu en 2015 na sala Bataclán de París, cun importante número de vítimas".