Arde unha retroescavadora no túnel ferroviario do porto exterior de Ferrol

O lume, que levou a evacuar todos os operarios das obras, foi sufocado tras horas de traballo dos Bombeiros

Os Bombeiros traballaron durante varias horas este luns na extinción dun incendio iniciado nunha das máquinas retroescavadoras que participa nos traballos de perforación do túnel do acceso ferroviario ao porto exterior de Caneliñas, en Ferrol, segundo informou a central do 112. O lume obrigou a evacuar todos os traballadores que se atopaban no seu interior. 

A máquina atopábase a 1,7 quilómetros da saída e comezou a arde por causas que se investigan. Nun primeiro momento os operarios trataron de sufocar o lume, pero unha vez comprobado que non era posible, optaron por evacuar a zona, ao mesmo tempo que se activou o plan de emerxencias. 

O servizo de urxencias tivo constancia do suceso sobre as 14.00 horas, tras o que alertou aos Bombeiros, que se desprazaron enseguida ao lugar, así como á Autoridade Portuaria, á Garda Civil, á Policía Nacional, Local e aos efectivos de Protección Civil.

O fume e outra máquina situada no mesmo lugar provocaron que as tarefas de extinción se prolongasen. Sobre as sete da tarde os Bombeiros indicaron que o incendio fora sufocado, ventilaron a zona e confirmaron que só afectou a unha das máquinas.