A incorporación de Candedo leva a Luís Villares a solicitar grupo propio na Cámara

Ingresa de xeito oficial como deputada do grupo mixto
photo_camera Candedo e Villares, no pleno. PARLAMENTO

O portavoz do grupo mixto, Luís Villares, decidiu solicitar á Mesa da Cámara autonómica que se lle conceda a condición de grupo parlamentario de pleno dereito, unha vez que Mariló Candedo ingresou este martes de xeito oficial como deputada. A profesora universitaria, que ocupa o escano que deixou libre Manuel Lago, solicitou a súa adscrición ao grupo mixto, polo que este pasa a estar integrado por cinco parlamentarios con Villares como portavoz

A saída de Lago e a súa substitución por Candedo —número oito na lista de En Marea pola Coruña nas eleccións de 2016— supón a perda dun escano na terceira forza parlamentaria, Grupo Común da Esquerda, que vai parar ao grupo mixto. Este está formado exclusivamente por persoas adscritas ao partido En Marea e, ao chegar a cinco deputados, alcanza o número mínimo establecido no regulamento da Cámara para a constitución dun grupo.

"É evidente que cinco deputados constitúen un grupo parlamentario con todas as letras", dixo este martes Villares, quen incidiu na necesidade de acometer os trámites necesarios para iso e que así o "número de iniciativas" que poidan presentar se adecúe ao do resto de formacións. Con todo, o regulamento tamén establece outro tipo de condicións para a conformación de grupos parlamentarios, polo que a Mesa podería denegar a petición do grupo mixto. 

Antes do arranque do pleno, Villares e Candedo compareceron ante a prensa para dar conta dos obxectivos que a exdecana da facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña se marca no seu novo posto como deputada. "Veño con ilusión para dar visibilidade ao que foi no seu día o noso programa", explicou a nova parlamentaria, que tamén forma parte da dirección de En Marea e que no Parlamento se ocupará de temas relacionados coa educación, a cultura e a política social.

Novo capítulo na ruptura
O escano de Manuel Lago concentrou o último episodio das tensións internas vividas na que foi segunda forza en número de votos nas eleccións autonómicas, En Marea, que chegou a ter 14 deputados no Parlamento de Galicia. 

Tres anos e medio despois, eses 14 deputados repártense entre os nove que forman parte de Grupo Común da Esquerda —composto por membros de Podemos, Anova e Esquerda Unida— e os cinco do grupo mixto, onde permanecen os afíns ao partido En Marea que lidera Luís Villares. 

Comentarios