Infantil e pedagoxía, especialidades con máis prazas nas oposicións de Educación

A oferta pública de emprego en Galicia inclúe máis de 2.300 postos para case cen categorías
Un aula de primaria.AEP
photo_camera Un aula de primaria.AEP

A oferta pública de emprego para educación de Galicia incluirá este ano 2.354 prazas para case un centenar especialidades, entre as que destacan educación infantil e pedagoxía terapéutica, no caso do corpo de mestres, e matemáticas, orientación educativa, xeografía e historia e lingua galega e literatura para profesores de secundaria. 

O documento que presentou este martes a Consellería de Educación aos sindicatos na mesa sectorial do ramo abarca unha proposta de prazas para 97 especialidades. No corpo de mestres, con 747 prazas para oito especialidades, educación infantil e pedagoxía terapéutica contarán coa oferta máis importante, con 150 prazas cada unha. 

Mentres, no caso do corpo de profesores de secundaria, haberá 1.041 prazas para 35 especialidades, cunha dotación que destaca particularmente en matemáticas (97 prazas), orientación educativa (55), xeografía e historia (52) e lingua galega e literatura (51). 

O texto facilitado ás organizacións de profesorado non inclúe as prazas destinadas a catedráticos, unhas 1.300, ao tratarse dunha convocatoria que se sacará por separado. Esta oferta concreta levará a outra mesa sectorial que se convocará proximamente. 

Comentarios