O home detido por agresión á súa parella o pasado xoves en Coristanco ingresou en prisión, segundo informaron este luns fontes xudiciais.
En concreto, o Xulgado de Instrución número 2 de Carballo, en funcións de garda, decretou o sábado o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o detido.
O home está a ser investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa ou de asasinato tentado, ao concorrer a agravante de aleivosía doméstica ou, no seu caso, por un delito de lesións, segundo precisaron as mesmas fontes.
Mentres, a muller segue ingresada en estado grave, pero estable, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) após unha ferida de arma branca no tórax con afectación cardíaca.
A detención do home por parte da Garda Civil produciuse na tarde do xoves. En concreto, o 112 Galicia recibiu sobre as 16.45 horas unha chamada de alerta en relación a unha agresión que se produciu na localidade coruñesa de Coristanco.
Ata a zona desprazáronse efectivos das forzas da orde e o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, que trasladou á muller ferida ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Sobre este caso, non consta que existisen denuncias previas por violencia machista.