Os institutos abren as súas portas con escasas incidencias nunha xornada con protestas

Educación solicita o apoio das forzas de seguridade para evitar aglomeracións na contorna dos centros 
Inicio del curso en el IES Lucus Augusti. XESÚS PONTE
photo_camera Inicio del curso en el IES Lucus Augusti. XESÚS PONTE

Galicia viviu este mércores un paso máis na reincorporación dos alumnos aos centros educativos. Preto de 93.000 estudantes regresaron a clase en primeiro e segundo de Eso, o primeiro curso de Bacharelato e o primeiro de FP, nunha xornada que, malia a incerteza que marca este novo período educativo, transcorreu con relativa normalidade e sen incidencias de peso

A reincorporación produciuse no medio dunha convocatoria de folga de profesorado e protestas e concentracións nunha ducia de localidades para criticar a xestión da Xunta na reapertura e adaptación dos centros. Os sindicatos esixen "máis recursos" e "protocolos iguais" nas diferentes etapas educativas.

A Consellería de Educación limita o seguimento do paro a un 3,17% dos profesores, nunha protesta que tivo máis peso en Pontevedra e Lugo, cun 4,5 e un 3,7% de apoios. No entanto, a folga realizouse cunha circunstancia excepcional e na liña do ocorrido en primaria: uns servizos mínimos superiores aos habituais, co argumento das medidas de adaptación á pandemia. 

Os sindicatos piden máis recursos no arranque dun ano académico con máscaras, distancia, biombos e semipresencialidade

As organizacións CIG-Ensino, CC.OO-Ensino, CSIF e STEG, representantes de asociacións de pais e colectivos estudantís celebraron concentracións nunha ducia de municipios galegos coincidindo co paro na educación. En Santiago, preto dun centenar de persoas protestaron ante a sede da Consellería de Educación, en San Caetano, coreando frases como "menos biombos e máis profesores". 

Suso Bermello (CIG-Ensino) advertiu de que os reforzos adoptados pola Xunta para iniciar o curso son "pequenos, totalmente insuficientes", e censurou a "arbitrariedade" da inspección educativa e da consellería á hora de abordar as solicitudes dos centros para poder realizar desdobres. 

Así, mentres uns contan con condicións "mínimamente dignas", outros non teñen "nin a metade do necesario", obrigados a recorrer á semipresencialidade a pesar de contar con espazos suficientes

Luz López, de CC.OO. Ensino, criticou que aínda están pendentes as avaliacións de risco de cada centro e a dotación de persoal de limpeza e de comedores para poder atender as necesidades extraordinarias derivadas da pandemia, sobre todo ante a instalación de biombos para poder reducir as distancias de seguridade. 

"Hai moitas cousas que faltan, e non nos vale a improvisación. En marzo todos o entendiamos, agora logo de seis meses non a toleramos. Houbo moito tempo para planificar", censurou, para animar a todos os docentes a denunciar as irregularidades e incumprimentos que se produzan nos centros. 

Nesa liña, valora "positivamente" que se incorporase a distancia de 1,5 metros do protocolo do 31 de agosto e a incorporación de 1.107 docentes de secundaria e bacharelato para poder realizar os desdobres, pero aínda así consideran que son medidas "insuficientes".

O retorno aos institutos complétase este xoves e venres

XOVES E VENRES. Tras esta primeira xornada de regreso ás aulas dos institutos, este xoves tócalles incorporarse aos case 63.000 alumnos de terceiro de Eso, segundo de Bacharelato e segundo curso de FP. E o venres farano uns 27.000 alumnos de cuarto de secundaria e de FP básica. A todos eles súmanse os 24.000 estudantes de ensinanzas de réxime especial (adultos, artísticas e deportivas) que se deben incorporar ao longo de toda a semana. 

O titular de Educación, Román Rodríguez, remitiu unha misiva á Delegación do Goberno de Galicia para solicitar o apoio das forzas de seguridade do Estado e da Policía Local para evitar que se produzan aglomeracións nas contornas dos centros e institutos, especialmente nos momentos de entrada e saída. 

Unha semana máis de marxe para a adaptación
Igual que no resto de centros de ensino, os institutos contan con protocolos de hixiene e medidas de seguridade, como diferentes itinerarios para a entrada e saída dos centros, xeles desinfectantes, horarios distintos e espazos delimitados para recreos, así como o uso de máscaras obrigatorias. 

Distancia de seguridade
A apertura dos centros de secundaria e bacharelato arrinca cunha semana de atraso con respecto á data prevista inicialmente, debido a que a consellería pospuxo o inicio das clases para que os centros tivesen tempo a organizarse, xa que se produciu un cambio no protocolo relacionado co criterio na distancia de seguridade, que pasaba de ser dun metro entre cadeira e cadeira a un metro e medio, como demandaban os sindicatos.

Biombos e semipresencialidade
Esta modificación, que se produciu o 31 de agosto, non foi a única, xa que a consellería actualizou os criterios a semana pasada, ante a evidencia de que, incluso desdobrando as aulas, non se podía garantir a distancia de seguridade nos centros e moitos non tiñan a posibilidade de adaptar espazos comúns ou buscar aulas extras. Desde a consellería, as alternativas foron a instalación de biombos, que permiten nese caso reducir a distancia entre pupitres, ou optar pola semipresencialidade nos centros.

Segundo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, estas medidas aplicaríanse para dar solución a problemas "específicos", en centros escolares que non puidesen realizar desdobres ao non contar con espazo suficiente.

Quendas de tarde
No entanto, son uns cantos os centros que tiveron que optar por esta opción, do mesmo xeito que pola semipresencialidade, e outros tantos que tiveron que recorrer a realizar quendas de tarde, coas dificultades que implica de cara á conciliación tanto en alumnos como profesores.

"Non estamos en contra da semipresencialidade cando non é posible facer desdobres de aulas, pero a semipresencialidade non está regulada, non se deron instrucións aos centros de como levala a cabo e o teletraballo tampouco está regulado en educación", asegura Luz López (CC.OO).

Comentarios