Intensifican a vixilancia nas zonas de maior actividade incendiaria de Galicia

Os parques naturais do Xurés e o Invernadoiro, estarán baixo a lupa do operativo

Indencio forestal que afecta al parque natural de O Invernadoiro. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Un dos incendios recentes que afectaron ao parque natural do Invernadoiro. BRAIS LORENZO (EFE)

O director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, informou de que o comité de coordinación policial anti-lumes intensificará a vixilancia e control nas zonas de maior actividade incendiaria de Galicia.

É o que contou logo de presidir unha nova reunión deste organismo, na cal se analizaron, igualmente, os contratempos rexistrados no que vai de campaña de alto risco, que nesta ocasión inclúe o mes de outubro.

Así, examináronse os reiterados intentos de plantar lume en determinadas comarcas, así como os últimos lumes rexistrados nos parques naturais do Xurés e o Invernadoiro, onde a Xunta xa fixo un reforzo.

O Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo destaca nun comunicado que a "coordinación entre administracións" é fundamental para o esclarecemento destes episodios, posto que detrás da maioría dos incendios "hai un compoñente humano e por iso é importante reforzar o labor investigador" dos distintos corpos e forzas de seguridade e das brigadas de Medio Rural.

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, remitiu un escrito precisamente nese sentido á Delegación do Goberno en Galicia para intensificar a vixilancia na Comunidade, en xeral, e en Ourense en particular, posto que nesa provincia rexístrase unha maior actividade incendiaria favorecida, ademais, polas condicións meteorolóxicas actuais.