Rescatados tras nove horas os 25 vigueses perdidos nunha montaña de Cantabria

Unha muller sofre síntomas de hipotermia. A sensación térmica era de -12º

Rescate de los excursionistas de Vigo en Cantabria. 112 CANTABRIA
photo_camera Rescate de los excursionistas de Vigo en Cantabria. 112 CANTABRIA

Os 25 excursionistas galegos que desde a noite do domingo  eran buscados no parque cántabro Saja-Besaya foron rescatados sobre as 5.00 horas deste luns, tras nove horas de procura, informaron a Efe fontes do servizo 112 de Cantabria. Estaban a 1.700 metros e a sensación térmica era de -12º.

Os excursionistas, de entre 25 e 73 anos, atopábanse en boas condicións de saúde a pesar das "duras" condicións meteorolóxicas na zona, aínda que unha muller de 73 anos tivo que ser trasladada por hipotermia e esgotamento ao hospital cántabro de Sierrallana, mentres que outra tamén presentaba eses síntomas pero non tivo que ser remitida a ningún centro hospitalario.

Pasadas as 5.00 horas o grupo foi trasladado en autobús a Reinosa, onde se hospedaban, e de onde partiran na mañá do domingo para facer unha ruta de montaña. 

Os excursionistas saíron dunha zona situada xunto ao porto de Palombera para realizar a coñecida como ruta da Jaya Cruzá, un percorrido circular que discorre polo porto de Sejos e que ten uns 20 quilómetros.

O grupo estaba integrado por 26 persoas, pero una delas decidiu finalmente non facer a ruta, así que foron 25 os senderistas que saíron a andar por esa paraxe do parque natural Saja- Besaya acompañados por un can.

Ás 20.00 horas, os excursionistas avisaron ao servizo 112 do Goberno de Cantabria que estaban perdidos, aínda que ao ser localizados esta madrugada polo operativo de emerxencias explicaron que non podían continuar polas "condicións moi duras" que se atoparon.

Tras dar o aviso, o 112 mobilizou a esta zona de montaña ao Grupo de Rescate e Intervención en Montaña  Greim) da Garda Civil, patrullas rurais do Instituto Armado, Bombeiros do parque de (emerxencias do 112 en Valdáliga, un rescatador médico do helicóptero do Goberno rexional, o coordinador de emerxencias de Protección Civil de Cantabria, sanitarios do 061 e Cruz Vermella.

Sobre as 5.00 horas desta madrugada, nove horas despois de iniciado o operativo de procura, os 25 excursionistas foron trasladados polos equipos de emerxencias á zona de onde partiran, desde a que foron trasladados a Reinosa en autobús, excepto a muller que foi remitida ao hospital cántabro de Sierrallana. 

Comentarios