Interceptan o primeiro narcosubmarino transoceánico cargado de cocaína na ría de Aldán

Dous dos tripulantes foron detidos na praia de Foxos e polo menos outro se fuxiu a nado. O alixo podería ser de máis de 3.000 quilos
Operación antidroga en Hio
photo_camera Submarino incautado en augas de Sudamérica noutra operación e detalle da droga achada no seu interior. CEDIDAS

Unha operación internacional, adiantada en exclusiva por Diario de Pontevedra e liderada en España polo Eco Galicia da Garda Civil, que traballou de forma conxunta coa Policía Nacional e Aduanas, saldouse coa aprehensión do primeiro narcosubmarino xamais interceptado en augas europeas.

Unha frenética madrugada serviu para dar coa embarcación e deter a dous dos seus tripulantes na praia de Foxos, na ría de Aldán. O batiscafo foi mergullado polos narcos ao verse descubertos, pero os medios acuáticos da Garda Civil lograron amarralo e mantelo baixo control.

Na mañá deste domingo, todos os accesos á zona áchanse blindados, pois as autoridades buscan a polo menos un narco que logrou fuxir a nado, e non descartan que os investigados puideran desfacerse de parte da droga. O alixo é descomunal, superior aos 3.000 quilos, e o navío chegou ás costas pontevedresas directamente desde Sudamérica.

Transitan moi preto da superficie pero non teñen visibilidade
As organizacións de narcotráfico con matriz en Colombia levan anos empregando embarcacións semimergullables para o transporte de grandes cantidades de cocaína desde Colombia e Venezuela ata México e Estados Unidos. As autoridades do país do Tío Sam interviñeron multitude de batiscafos coas adegas repletas de droga. 

Expertos xa apuntaban a Diario de Pontevedra hai meses que os últimos grandes narcotraficantes colombianos que foron detidos e extraditados a Estados Unidos confesaran que levaban anos enviando cocaína cara ás Rías Baixas empregando este procedemento.

Estes dispositivos comezaron a utilizarse en Colombia a mediados dos 90. Transitan moi preto da superficie pero non teñen visibilidade nin son detectados polos sistemas de vixilancia, nin sequera polos radares.