Os internistas aconsellan quedar en casa ata pasar 24 horas sen febre en caso de gripe

O doutor do Hula Ramón Rabuñal defende a efectividade da vacina

Unha muller recibe a vacina da gripe. ARQUIVO
photo_camera Unha muller recibe a vacina da gripe. ARQUIVO

A Sociedade Galega de Medicina Interna (Sogami) aconsella "permanecer en casa" en caso de padecer gripe e non saír ata pasar 24 horas sen febre. O doutor Ramón Rabuñal, médico internista que traballa na Unidade de Enfermidades Infecciosas do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), aposta, nun comunicado de prensa, por algúns "consellos básicos" para non incrementar a propagación do virus da gripe, "nun momento no que en Galicia xa se produciron 625 ingresos por esta patoloxía e 24 falecementos, 14 deles vinculados directamente ao virus", matiza. 

Ademais, dos 24 falecidos, 16 non estaban vacinados, recordou esta sociedade científica. Respecto diso, o doutor Rabuñal explicou que no caso de que unha persoa presente síntomas da gripe, "aínda que sexan leves, non debe visitar a enfermos, xa que pode agravar a súa situación". 

Desde un punto de vista científico, non se pode dubidar da efectividade das vacinas

"Tampouco debe acudir a lugares onde haxa persoas especialmente vulnerables —talles como maternidades, residencias de anciáns— así como aqueles onde se concentre un gran número de persoas —lugares de traballo, centros comerciais—", comentou.  En xeral, en caso de gripe, engade, "aconséllase que o enfermo permaneza en casa dous ou tres días, e non saír do domicilio ata que pasen 24 horas sen febre, en caso de sufrila, e sen medicación para atallala". 

Ademais, incidiu en que "16 dos 24 falecidos directa ou indirectamente pola gripe non se vacinaron", abundou o doutor Rabuñal, quen recorda que "ata un 40% da poboación de risco non se vacina". Entre as causas, o especialista sinala "ao descoñecemento, pero tamén ao medo aos presuntos efectos secundarios".

"Desde un punto de vista científico, non se pode dubidar da efectividade das vacinas. Aínda que non son a panacea, teñen entre un 70 e 80% de efectividade, e está demostrado que axudan a que non se adquira a infección ou esta se desenvolva con menor intensidade", concluíu. 

Comentarios