Investigadas dúas persoas por un incendio forestal declarado en Muros

O lume orixinouse polo escape dunha queima o pasado mes de abril

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago de Compostela informaron este martes do esclarecemento dun incendio forestal no municipio coruñés de Muros, causado polo escape dunha queima polo que hai dúas persoas investigadas. 

Segundo informou a Vicepresidencia da Xunta, o lume tivo lugar o pasado 23 de abril na parroquia de Serres, en Muros, e afectou a unha superficie rasa de 0,02 hectáreas. 

O lume produciuse, segundo relatan as mesmas fontes, polo escape dunha queima realizada polas dúas persoas investigadas e na, segundo engade a Xunta, "non se adoptaron as precaucións estipuladas na normativa". 

Por estes feitos foron tramitadas dilixencias remitidas ao xulgado de Instrución de garda en Muros, segundo concretou a Vicepresidencia da Xunta. 

No que vai de ano xa son 40 as persoas detidas ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais en Galicia. 

Comentarios