martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Investigado un veciño de Mos que deixou morrer de fame e frío o seu cabalo

O cabalo falecido en Mos por hiportermia e desnutrición. GARDA CIVIL
O cabalo falecido en Mos por hiportermia e desnutrición. GARDA CIVIL
O propietario alegou que non podía atendelo ao ter o seu avó no hospital

A Garda Civil investiga por un delito de malos tratos animais o dono dun cabalo que permaneceu atado varios días no monte, no medio dun charco de auga, e que morreu a consecuencia dunha posible hipotermia e desnutrición. Segundo informou este venres o instituto armado, as investigacións realizadas por efectivos do Posto da Garda Civil de Mos iniciáronse a principios desta semana despois de que un cidadán denunciase a grave situación na que se atopaba o cabalo, que levaba varios días nun monte atado cunha corda a unha estaca.

Cando o localizou a patrulla de seguridade cidadá, o cabalo, "que presentaba un deplorable estado físico", estaba totalmente extenuado e semiinconsciente, tirado no chan, nun charco de auga e no medio dun bulleiral. Coa axuda dun gandeiro da zona os axentes trasladaron o equino ao seu cortello, onde morreu instantes despois a pesar da asistencia dun veterinario, o cal certificou o seu falecemento debido a unha posible hipotermia e avanzada desnutrición.

Unha vez localizado e identificado o propietario do cabalo, que dixo que se viu obrigado a deixalo atado no monte porque non podía atendelo ao ter o seu avó no hospital, a Garda Civil notificoulle a súa condición de investigado como presunto autor dun delito de malos tratos animais.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda do Porriño, onde deberá comparecer o dono do cabalo cando sexa citado. 

Investigado un veciño de Mos que deixou morrer de fame e frío o seu...