Isabel II condecora a título póstumo pola súa valentía ao pontés Ignacio Echeverría

O falecido é recordado como o "heroe do monopatín" ►O mozo foi asasinado no ataque terrorista de Londres en 2017 tras intentar salvar a unha muller coa súa táboa de skate

Ignacio Echeverría. AEP
photo_camera Ignacio Echeverría. AEP

A Raíña Isabel II condecorou a título póstumo ao pontés Ignacio Echeverría, coñecido como o heroe do monopatín, pola valentía demostrada ao enfrontarse coa súa táboa aos terroristas que atentaron na Ponte de Londres o 3 de xuño de 2017.  Segundo informou o Goberno británico nun comunicado, Isabel II aprobou a concesión ao cidadán español da Medalla de Jorge, destinada a actos de gran valentía. 

"O 3 de xuño de 2017, Ignacio Echeverría estaba no mercado de Borough cos seus amigos cando presenciou o ataque terrorista. Ao darse conta do que estaba a ocorrer, correu cara aos terroristas, usando o seu monopatín para golpealos e impedir que cometeran máis ataques", recordou o Goberno británico. 

"Os terroristas desviaron a súa atención cara a el e ferírono mortalmente. Foi, sen ningunha dúbida, a súa intervención o que permitiu que as vítimas escapasen, impedindo que houbese máis perdas de vidas", prosegue o comunicado. 

O Goberno británico subliñou que Echeverría demostrou "unha gran valentía" cando se enfrontou a varios "terroristas armados". "Usando o seu monopatín como arma, era consciente de que non tiña equiparación coas armas usadas nos ataques. A pesar de todo, correu cara a eles coa intención de paralos para impedir que seguisen atentando contra persoas inocentes que estaban nas inmediacións", sinalou. 

Para o Goberno británico, "está fóra de toda dubida" que Echeverría "demostrou unha gran valentía" ao elixir enfrontarse aos terroristas. "Estaba desarmado e non tiña adestramento. O perigo era aparente pero el decidiu deliberadamente intentar parar o atentado, poñéndose a si mesmo en perigo", concluíu. 

Ignacio Echeverría, residente en Londres, pasou os seus primeiros 11 anos de vida en As Pontes, aínda que posteriormente trasladouse a Madrid. Tras o ataque terrorista da capital británica estivo dado por desaparecido durante catro días. Segundo relataron despois a súa familia e amigos, Echeverría regresaba de patinar con amigos cando viu como un terrorista apuñalaba a unha muller e un policía acudía na súa axuda, así que decidiu axudar ao axente armado unicamente co seu monopatín.

O Goberno español concedeulle a título póstumo a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil, a máis alta condecoración do Estado para este tipo de supostos, e recibiu tamén homenaxes das asociacións de vítimas do terrorismo e de varios concellos. 

Comentarios