Jácome defende a súa continuidade ata 2023 entre reproches de Ourense Mellor

Entre outros, denuncian a falta dunha xestión "diligente e eficiente" ou o incumprimento dunha "transparencia máxima a través da web municipal"
Pérez Jácome. AEP
photo_camera Pérez Jácome. AEP
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, defendeu, a través das redes sociais, a súa continuidade ata 2023, mentres que a plataforma Ourense Mellor trasladou o seu malestar pola súa xestión e a do PP, polas "promesas incumpridas". 

"O 15 de xuño de 2019 fun investido alcalde, e o meu compromiso ata o 2023 é liderar a transformación da cidade e a isto dedicarei todo o meu tempo", sinala a través de Twitter para acabar cun "conseguerémolo" tras facerse público informacións sobre discrepancias con membros do seu partido, que chegarían a falar dunha posible petición de dimisión do rexedor. 

Mentres, desde Ourense Mellor aseguran que a xestión no consistorio se evidencia "nun ano e medio de promesas incumpridas, ideas peregrinas e un enfrontamento social e político que nos levaron á situación actual". 

"Plenos con ausencia da oposición e o posible motín desde o partido de Jácome". Entre outros, denuncian a falta dunha xestión "diligente e eficiente" ou o incumprimento de " transparencia máxima a través da web municipal". 

A iso, suman outros compromisos como os relativos á supresión de barreiras arquitectónicas e visuais. "A realidade é que o alcalde fai goberno desde as súas contas oficiais, non na rúa, non hai proposta de cidade", recalca a plataforma nun comunicado. 

"Está empeñado en edificios monstruosos, pero non en priorizar a nosa cidade como é" , repróchanlle tamén desde a plataforma, que reclaman un partido que "represente á cidadanía". 

Comentarios