Jácome expulsa de Democracia Ourensana o edil crítico Manuel Álvarez

A asemblea de DO tomará decisións proximamente sobre "os outros tres disidentes" 
Gonzalo Pérez Jácome (Ourense, 1969), en el despacho de la alcaldía, que ocupa desde junio de 2019. RAMSÉS (AGN)
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome. RAMSÉS (AGN)

O alcalde de Ourense e presidente de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou este mércores a expulsión da formación de Manuel Álvarez Fernández, vicepresidente da mesma e un dos cinco concelleiros que presentaran un escrito ante a Fiscalía por sospeitas de irregularidades na administración das contas do partido. 

Nun comunicado, Jácome sinala que esta decisión responde a accións catalogadas como "moi graves", entre elas "disidencia, menoscabo da imaxe do partido e acusacións públicas graves". Por todo iso, impónselle a "sanción máis grave", a expulsión definitiva. Explica que se produce "tras a oportuna apertura de expediente", prazo de alegacións e resolución final, nunha decisión ratificada pola asemblea xeral de DO. 

Jácome sostén que como afiliado Manuel Álvarez "nunca pagou cota de afiliación nin doazón económica desde 2001 a 2015", cunha única excepción de "seis euros que abonou como gastos de notario cando se fundou o partido". E é que o líder de DO asegura que durante "eses 14 anos" todos os gastos de partido e campaña foron sufragados por el mesmo

Mediante unha publicación en redes sociais de Democracia Ourensana, tamén se indica que a elas contribuíron "Rafa Reporter e Armando Ojea". Ao que engade que, "xusto é dicilo, tamén achegou Miguel Caride como letrado gratuíto, aínda que non gañásemos moitos preitos". 

Con todo, apunta que entre 2015 e 2019 Manuel Álvarez doou unha parte do seu soldo público tras contar cunha dedicación exclusiva. "Desde xuño de 2019, non volveu achegar nada economicamente ao partido", agrega Jácome. 

Nos próximos días haberá unha nova asemblea de DO que "resolverá expedientes sobre os outros tres disidentes", que, aínda que non eran membros do partido, concorreron na súa lista electoral. "Hai certas condicións para seguir sendo representantes lexítimos do partido nas administracións locais", avisa.

Denuncias de opacidade
Manuel Álvarez é un dos cinco concelleiros —xunto a María Teresa Rodríguez, Miguel Caride, Mario González e María Dibuja— que levaron ante a Fiscalía supostas irregularidades nas contas do partido, do que denuncian a súa "opacidade". 

Criticaron que trataron de obter respostas e explicacións de Jácome sobre a xestión, pero o responsable do partido non as ofreceu, tras o que decidiron acudir á Fiscalía. Isto ocasionou a primeira das renuncias ás actas de concelleiras, a de Mario González, que abandonou a área de cultura. 

Dez días despois de que se presentase o escrito ante Fiscalía, 24 dos 26 concelleiros da corporación ourensá votaron nun pleno a favor dunha moción do BNG que pedía a dimisión de Jácome. Este e Armando Ojea foron os únicos que votaron en contra.

Comentarios