Jácome ten claro o seu voto: "Feijóo é a persona que mellor vai defender os intereses de Galicia"

Asegura que "diría que non" se lle ofreceran ir de cabeza da lista ou ser conselleiro porque "ser alcalde é moitísimo máis importante"
Pérez Jácome. AEP
photo_camera Pérez Jácome. AEP

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensá, anunciou que votará ao PP nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril. 
O rexedor fixo público que "apoiará a Alberto Núñez Feijóo" porque cre que é a persona "que mellor vai defender os intereses de Galicia e iso beneficiará a Ourense". 

Así o manifestou ao termo dunha rolda de prensa co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, para dar conta de asuntos culturais relativos á cidade de Ourense. 

Jácome goberna en coalición co PP no Concello de Ourense, mentres que o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, preside a Deputación provincial cos apoios dos dous deputados de DO. 

Neste sentido, Jácome falou de "goberno amigo" para manifestar a "excelente sintonía" que DO mantén co seu socio de goberno e "tamén coa Xunta de Galicia". 

"A TITULO PERSOAL". Por este motivo, declarou que "para a Alcaldía de Ourense o mellor sería que as cousas seguisen como están", polo que lle gustaría que "gañe o PP". Así, tamén sinalou que as súas declaracións son "a título persoal" e que DO como partido "nunca lle dirá aos cidadáns a quen deben votar nin pedirán o seu voto para ningún partido en concreto". 

O rexedor ourensán tamén manifestou que "non teñen ningún desexo especial de ir na lista do PP", pero que será algo que "se falará". 
Jácome declarou que "diría que non" se lle ofreceron ir na cabeza da lista ou mesmo ser conselleiro porque entende que "ser alcalde é moitísimo máis importante que conselleiro ou deputado en Santiago". 

Tampouco valora presentarse como partido independente ás autonómicas porque considera que non terían "pción de conseguir os máis de 10.000 votos que fan falta para obter un deputado". "Non vexo posible ese apoio da xente ata que non transformemos a cidade de Ourense", concluíu. 

Comentarios