O lucense José Blanco deixa a política. Así o manifestou nunha mensaxe na súa conta de Twitter despois de que Pedro Sánchez o defenestrase e non o incluíse na lista para as europeas do PSOE. "Finaliza unha etapa da miña vida e comeza outra. Boto a vista atrás e só sinto gratitude", escribiu o de Palas de Rei.
Nin José Blanco, que no seu día apoiou a Susana Díaz, nin o seu asesor, Orestes Suárez, que aspiraba a ocupar o seu lugar. Ningún dos dous figura nesa candidatura. Pedro Sánchez defenéstraos e impulsa no seu lugar a Nicolás González Casares, tenente alcalde de Lalín, que irá no número 9.
Finaliza una etapa de mi vida y comienza otra.Echo la vista atrás y solo siento gratitud, hacia los ciudadanos que me han apoyado durante tanto tiempo y hacia el @PSOE y sus militantes.Infinita y eterna gratitud.Jbl @PSdeG @Socialistas_PE
— José Blanco / ❤️ (@pepeblancoEP) 17 de marzo de 2019
A Executiva do PSOE aprobou este domingo a lista ás eleccións europeas do 26 de maio, que encabeza o ministro Josep Borrell, coa maioría dos seus nomes renovados e a fichaxe, como número catro, da historiadora feminista Lina Gálvez, exconselleira do Goberno de Susana Díaz.
Da actual delegación socialista na Eurocámara saen Elena Valenciano, Ramón Jáuregui, Soledad Cabezón, Enrique Guerrero, José Blanco, Sergio Gutiérrez e Inés Ayala.
Repiten Juan Fernando López Aguilar, que pasa do cuarto posto da lista no que concorreu en 2014 ao quince; Javier López (PSC), que sobe do seis ao cinco; a veterana Inmaculada Rodríguez Piñero (do sete a seis); Eider Gardiazábal (do nove ao oito); a andaluza Clara Aguilera (do once ao doce); e o asturiano Jonás Fernández, que descende do catorce ao dezasete.
Na actualidade o PSOE conta con catorce eurodeputados, aínda que as enquisas reflicten que podería conseguir ata dezaoito.