Tomé, terceiro presidente socialista da Deputación de Lugo

O alcalde de Monforte, elixido cos votos de PSOE e BNG, asegura que se propón "normalizar" a institución
José Tomé, este miércoles con el bastón de mando. PEPE TEJERO
photo_camera José Tomei, este xoves co bastón de mando. PEPE TEJERO

O socialista José Tomé é xa o novo presidente da Deputación de Lugo, tras ser investido nun pleno de constitución da institución que transcorreu sen sorpresas. Así, resultou elixido cos votos dos dez deputados do seu partido e os tres do BNG, que suman maioría absoluta fronte aos doce do PP. "Abrimos unha nova etapa", sinalou.

Antes da elección do presidente, que se produciu mediante unha votación secreta en urna, tomaron posesión das súas actas os 25 deputados provinciais, baixo a dirección dunha mesa de idade formada polo deputado de maior idade, o exalcalde de Vilalba Agustín Baamonde (PP), e a máis nova, a alcaldesa de Trabada, Maira García.

O salón de plenos, no pazo de San Marcos, encheuse de asistentes para seguir a evolución do pleno de constitución e entre o público deixáronse ver os dous expresidentes socialistas da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e Darío Campos. Tamén asistiu ao acto o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, así como o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outras autoridades.

O tamén alcalde de Monforte de Lemos, o terceiro presidente socialista que ten a Deputación na súa historia, selou este mércores o pacto de goberno de coalición co BNG, en base ao cal a vicepresidenta do organismo provincial será a nacionalista Maite Ferreiro, que asumirá ademais a área de cultura, como no Concello de Lugo, onde é concelleira.

"Valoro o pacto moi positivamente, creo que é moi equilibrado, que tiñamos a obriga de conseguir. Era necesario chegar a un acordo entre o BNG e o PSOE para dar resposta ao voto dos cidadáns, que o 26 de maio conformou unha maioría de progreso nesta corporación", dixo Tomé a Efe. A partir de aí, o socialista sostivo que o que el "pretende" como "presidente" é "tranquilizar e normalizar a institución, para que a imaxe que se traslade da Deputación ao conxunto dos cidadáns sexa a adecuada e, a partir de aí, levar a cabo as medidas acordadas no programa para mellorar os servizos no conxunto da provincia".

Campos e Tomé saúdanse en San Marcos. PEPE TEJERO
Darío Campos e José Tomei saúdanse no pleno. PEPE TEJERODISCURSO. Nun discurso de apenas dez minutos, o novo presidente comprometeuse a combater a "caída demográfica" e o envellecemento da poboación. Á súa vez, destacou que "Deputación vai ser o concello dos concellos" de forma que buscará "ser útil a todos e a todas as lucenses". Para iso, pediu "a colaboración e a complicidade de todos; de grupos políticos, sindicatos, empresarios e tamén o tecido asociativo". 

Tamén puxo en valor a "obrigación de dignificar a vida política" antepoñendo "honestidade, transparencia, diálogo e rigor" en todas as actuacións que leve a cabo. "Abrimos unha nova etapa", sinalaba Tomé querendo afastarse da herdanza dos convulsos catro anos da lexislatura recentemente concluída.

Maite Ferreiro aposta por un goberno "estable" e "transparente"
Pola súa banda, a portavoz do BNG e nova vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, manifestou que a intención dos nacionalistas é formar parte dun "goberno estable, un goberno que prime sobre todo a atención e a defensa dos servizos públicos".

"Queremos que sexa un goberno transparente e que a institución preste atención á realidade social, en defensa da igualdade. Tamén prestar un bo servizo aos distintos concellos das distintas comarcas, pero sen esquecernos dunha finalidade, que é o adelgazamento das institucións, da Deputación", engadiu.

Candia
Pola súa banda, a portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Elena Candia, afirmou que a súa organización seguirá traballando para que "o bo que se conseguiu no anterior mandato se manteña" e "o que hai que corrixir se corrixa". Afeou que se elixa o presidente que obtivo "menos apoio" desde 2007 e que non entrase "das mellores formas" en referencia á relación con Darío Campos. 

Comentarios