Lalín abre un rexistro de incidencias pola sarabiada: "Non recordo nada así"

Coches danados, teitos rotos e hortos esnaquizados foron algunhas das consecuencias

Lunas rotas, techos caídos y un huerto destrozado por la granizada de Lalín. DP
photo_camera Lunas rotas, techos caídos y un huerto destrozado por la granizada de Lalín. DP

Pouco máis de doce horas despois de que unha espectacular sarabiada afectase na tarde do pasado xoves a Lalín e, en menor medida, a outros municipios como Silleda, Agolada ou Rodeiro, o Concello da capital abriu o venres un rexistro para que os veciños poidan comunicar os danos provocados nos seus bens inmobles e construcións en xeral. O obxectivo é ter un diagnóstico dos danos causados para estudar a reclamación de posibles compensacións económicas, unha vía que aínda está por estudar se sería factible.

As compañías aseguradoras continuaron durante toda a xornada do venres recibindo incesantes chamadas dos seus clientes, sobre todo, por danos en vehículos. "Diría que a porcentaxe de incidencia nos coches aparcados en Lalín na tarde do xoves rolda o cen por cen", apunta David Framiñán, responsable dunha axencia de Silleda que está a atender casos sobre todo de Lalín, pero tamén de Trasdeza. A última hora da mañá do venres xa recibira máis de 40 avisos por vehículos, "pero faltan moitos", advertía.

A sarabiada non só afectou a edificacións: plantacións de millo e hortos quedaron esnaquizados

"Non recordo nada así. Foi desorbitado", di sobre o impacto da inusual tormenta Antonio Lamas, responsable dunha oficina de seguros en Lalín. Cuantificar as perdas "é imposible", polo menos ata dentro duns dous ou tres meses. O balance a primeira ollada: coches abolados e con lúas e portelos rotos; vivendas con fiestras rebentadas e tellas partidas; granxas cos tellados furados e canlóns de desaugadoiro que quedaron como coladores.

Comentarios