As matriculacións caen en xaneiro un 2% en Galicia

A Coruña lidera a táboa, seguida de Pontevedra, Ourense e Lugo
Fotografía de archivo de un depósito de coches
photo_camera Fotografía de archivo de un depósito de coches

As matriculacións de turismos e todoterreos en Galicia situáronse en 2.989 en xaneiro deste ano, dato que representa unha caída do 1,97% con respecto ao rexistrado no mesmo mes de 2015, segundo as cifras que manexan as asociacións de fabricantes (Anfac), vendedores (Ganvam) e concesionarios (Faconauto). Por provincias, lidera a táboa A Coruña, con 1.305 unidades, e aínda a pesar da súa diminución do 2,54% interanual. Séguenlle Pontevedra, con 954, un 2,75% máis; Ourense, con 376 e unha subida do 18,99%, e Lugo, con 354, un 14,29% menos.

No conxunto estatal, as matriculacións de turismos e todoterreos en España situáronse en 76.395 unidades durante o pasado mes de xaneiro, un 12,1% máis, e rexistraron a mellor cifra no mes de xaneiro desde 2008.

DATOS ESTATAIS. Este crecemento das entregas no primeiro mes do ano explícase pola recuperación da economía e polo empuxe da canle de empresas e das firmas de aluguer, que lograron compensar que xaneiro de 2015 tivese un día laborable menos que en 2014. Por canles de venda, as entregas a clientes particulares sumaron 41.617 unidades o mes pasado, un 1,5% máis, mentres que as empresas adquiriron 23.128 unidades, un 25,2% máis. As compañías de rent a car compraron 11.650 unidades en xaneiro, un 34,7% máis.

Anfac, Ganvam e Faconauto indicaron que o mercado acumula dous anos e cinco meses (29 meses) de crecemento continuado e apuntaron que o obxectivo para o presente exercicio é pechar cun volume de 1,1 millóns de unidades, en comparación cos 1,03 millóns de unidades de 2015. Neste sentido, resaltaron que as cifras de xaneiro mostran a boa marcha do mercado de turismos en España e sinalaron que manter o crecemento creará maior volume de emprego, máis riqueza e benestar social.

"BOA NOTICIA". O director de Comunicación de Anfac, David Barrientos, subliñou que 2015 comezou "ben" para a venda de coches, cun crecemento de máis do 12%, en comparación co ano anterior, cando xa subiu un 21% e cualificouno como "unha boa noticia" para a economía española. "O clima de inestabilidade política é un mal aliado para consolidar a recuperación económica e non axuda a xerar a confianza que se necesita para os consumidores e o noso mercado", afirmou o presidente de Ganvam, Juan Antonio Sánchez Torres.

Do seu lado, o presidente de Faconauto, Jaume Roura, destacou que o arranque de 2015 sitúase por baixo das expectativas da organización, xa que notaron que a actividade comercial dos concesionarios reduciuse moito en xaneiro en relación cos pedidos de final de 2015. En xaneiro, o 35,7% dos automóbiles matriculados en España tiña un motor de gasolina, fronte ao 61,3% de diésel. O 3% restante correspondeu a vehículos con sistemas de propulsión híbridos ou eléctricos.

A totalidade dos segmentos de modelos experimentaron incrementos comerciais ao peche do pasado mes de xaneiro en España, fóra dos vehículos pequenos, cunha caída do 1%, dos executivos (-23,6%), dos de luxo (-5,3%) e dos monovolúmenes grandes (-9,9%).

Comentarios