As vítimas do Alvia solicitan unha reunión co responsable de Fomento

Esperan que Íñigo de la Serna "manteña o seu compromiso" coa verdade e a "boa actitude" que mostrou cando era alcalde de Santander e pediu ao Goberno a apertura dunha comisión parlamentaria
Concentración de las víctimas del Alvia en la Praza do Obradoiro
photo_camera Concentración de las víctimas del Alvia en la Praza do Obradoiro

A asociación que aglutina á maior parte das vítimas do accidente ferroviario que en xullo de 2013 segou oitenta vidas en Angrois rexistraron unha petición de reunión co novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna,  co fin de que explique "como vai facer efectivo o apoio expreso" que lles ofreceu. E é que o pasado xullo, cando era alcalde de Santander polo Partido Popular, o agora responsable da carteira de infraestruturas votou a favor de solicitar ao Goberno unha comisión de investigación sobre o sinistro.

A proposta municipal, aprobada o 29 de xullo polo entón rexedor, reclamaba ao Executivo de Mariano Rajoy que "encargue a unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do ocorrido", así como a "apertura dunha comisión en sede parlamentaria para esclarecer posibles responsabilidades políticas".

"A creación destas dúas comisións é imprescindible para lograr a verdade e a xustiza pola que levamos loitando máis de tres anos. Chegou a hora de que así podamos descansar e non se nos xere máis dor", sinala a plataforma de vítimas Alvia 04155.

De tal forma, os damnificados pola traxedia esperan que o ministro "manteña o seu compromiso" coa verdade e a súa "boa actitude" con respecto ás súas reclamacións.

Comentarios