A lectura do CIS en Galicia: entre a ironía de Feijóo e a esperanza da oposición

Feijóo, Caballero, Pontón e Gómez-Reino. ARQUIVO
photo_camera Feijóo, Caballero, Pontón e Gómez-Reino. ARQUIVO

O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), divulgado este mércores con estimacións para as eleccións galegas do 12 de xullo, deu lugar a reaccións e lecturas diversas na comunidade. Así, Alberto Núñez Feijóo (PP) ironizou ao mostrarse "sorprendido" de que Tezanos —o presidente do centro— "dea algunha oportunidade" de vitoria aos populares, Ana Pontón (BNG) apreciou na sondaxe gañas de acabar coas "políticas en branco e negro" e Antón Gómez-Reino viu nel que "hai partido" e que En Común será "decisiva".

En calquera caso, ante un barómetro que outorga ao PPdeG un 34,7% da intención directa de voto, o presidente da Xunta e candidato popular á reelección, relativizou o valor das enquisas e recordou que "de momento" nas urnas "o marcador está cero-cero". 

"Imos distinguir as enquisas das urnas; e nas urnas, de momento, o marcador está cero-cero", di Feijóo

O que di a sondaxe é que, tras o PP, un 14,8% dos enquisados pensa votar ao BNG, un 14,1% ao PSOE e un 2,5% a Galicia en Comun-Anova-Mareas. Se se suma o criterio da "simpatía" por un ou outro partido, a porcentaxe dos populares elevaríase ao 38,7% e os socialistas situaríanse na segunda posición.

"Sorprende que o señor Tezanos dea algunha posibilidade ao PPdeG de gañar, sería a primeira vez en toda a súa serie histórica", dixo Feijóo. "Vouna a analizar, sería un best seller na historia demoscópica do señor Tezanos", engadiu. 

Mentres, a portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, mostrouse convencida de que o barómetro reflicte a ilusión dos galegos por "construír unha Galicia diferente" que poña fin ás "políticas en branco e negro que representa o PP".

Pontón asegura que o BNG está a ilusionar e prevé que "esa simpatía vai seguir crecendo"

A nacionalista, con todo, apuntou que a única enquisa que serve é o resultado que arroxen as urnas o 12 de xullo, pero dixo estar "convencida" de que "toda esa simpatía" que están a mostrar os galegos polo BNG "vai seguir crecendo" conforme se achegue a cita coas urnas.

"O próximo 12 de xullo imos ter a oportunidade de abrir un tempo novo neste país e de situarnos na dirección que permita que os galegos teñamos esperanza e que non sigamos con estas políticas en branco e negro que representa o PP", engadiu, tras asegurar que o Bloque está "ilusionando".

Gómez-Reino augura que as eleccións se decidirán nunha marxe de votos pequeno e ve clave a participación 

Pola súa banda, o candidato da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, asegurou que a enquisa mostra que "hai partido" nas eleccións autonómicas de cara a conseguir "un cambio" na Xunta que dependerá da "mobilización" do electorado descontento co rumbo da comunidade e as políticas "de recortes" de Feijóo. De feito, cre que os comicios se decidirán nunha marxe de votos "moi pequena".

"O que indican os datos é que a partida está aberta", sentenciou nunha entrevista con Europa Press, confiado en que se existe unha "mobilización" do voto "transformador, innovador e que quere un goberno máis de esquerdas", o PP "vai perder a maioría". Destacou, ademais, que a súa formación será "decisiva" para conformar un posible goberno progresista.

Comentarios