Leiceaga ganas as primarias e será candidato do PSdeG á Xunta

O economista venceu claramente nas provincias de Lugo e A Coruña mentres que o seu rival obtivo vantaxe en Pontevedra e Ourense
Leiceaga, tras conocerse los resultados de las primarias del PSdeG
photo_camera Leiceaga, tras conocerse los resultados de las primarias del PSdeG

O catedrático de Economía Aplicada Xoaquín Fernández Leiceaga será o candidato do PSdeG á Xunta tras imporse no proceso das eleccións primarias deste sábado ao seu único opoñente, o actual portavoz parlamentario José Luis Méndez Romeu, por 3.662 votos (55,67%) fronte a 2.916 (44,33%).

Os socialistas galegos teñen, deste xeito, un aspirante ao Goberno galego tras unha grave crise do partido coa dimisión o pasado 18 de marzo do seu último secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, investigado en dúas causas xudiciais diferentes, e a creación entón dunha xestora encabezada por Pilar Cancela.

Ela mesma compareceu para explicar que a participación foi do 65% por cento, con 6.700 votos, sendo 10.324 o total de militantes que estaban chamados a participar, e os datos por provincias supuxeron o triunfo de Xoaquín Fernández Leicega nas de Lugo (924 fronte a 510) e A Coruña (1.489 por 834 de Méndez Romeu), mentres que Méndez Romeu gañou na provincia de Ourense (479 por 443 de Leiceaga) e en Pontevedra (1.093 por 806 de Leiceaga).

Leiceaga gañou nas provincias de Lugo e A Coruña, mentres que Méndez Romeu superouno en votos en Pontevedra e Ourense



Pilar Cancela, na compostelá sede do Pino, celebrou que o PSdeG é un partido que está moi "vivo", e "máis que nunca enchufado para o cambio", unha vez finalizado este "proceso exemplar" no que nomeou a Gonzalo Caballero, que non puido concorrer finalmente ao mesmo ao non obter os avais suficientes.

A responsable da xestora falou ante a prensa dun auténtico "exercicio de democracia interna", cunha militancia que "nunca defrauda", e declarou o "orgullo" de pertencer ao PSdeG. "A nosa forza é a militancia e a unidade", proclamou, e apuntou que agora hai un prazo de catro días para presentar recurso e o vindeiro venres formalizarase o resultado de xeito definitivo.

Isto "non é un proceso personalista de ninguén", concluíu, e ao terminar a súa quenda de palabra, compareceron José Luis Méndez Romeu e Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén coñecido como 'Xocas', en senllos discursos seguidos de aplausos.

"O CANDIDATO DE TODOS". Méndez Romeu referiuse ao "concluínte" resultado e pediu a todos que traballen "con lealdade" na dirección que marque Fernández Leiceaga para "cambiar definitivamente o rumbo do goberno de Galicia". "Desde agora é o candidato de todos", expuxo.

Fernández Leiceaga, á súa vez, aludiu a Méndez Romeu como "un digno candidato" e referiuse a todo este camiño como óptimo, posto que houbo un "debate sereno, sosegado, de ideas e respectuoso". "A baza das primarias é que todos os candidatos son iguais", agregou, e destacou o "magnífico exemplo de comportamento" que se deu.

Do mesmo xeito que Méndez Romeu, asegurou que "estamos todos xuntos detrás dun único obxectivo", gañar a Xunta nos comicios previstos para este outono, e a iso hai que ir con "determinación" e coa "unidade necesaria", xusto a que axude ao renacemento dun proxecto "que poida conectar con toda a sociedade". "Alternativa sólida, eficaz e convincente", resolveu. 

Comentarios