Libera recorda que son xa tres os accidentes de caza nun mes e pide que non participen menores

As asociacións animalistas critican á Xunta por non restrinxir a actividade aos maiores de idade

Un cazador con su perro. AEP
photo_camera Un cazador co seu can na pasada tempada de caza maior. AEP (ARQUIVO)

A evacuación dun novo ferido grave durante o transcurso dunha batida no concello de Bóveda este domingo, sumado aos accidentes de caza de Val do Dubra o pasado 8 de setembro e de San Cristovo de Cea o día 23 evidencian, a xuízo dos colectivos animalistas, o perigo desta práctica. Nun comunicado, a asociación Libera e a Fundación Franz Weber alegan que a coincidencia de tres incidentes con feridos en menos dun mes é "un motivo de peso para reclamar da Xunta de Galicia a adopción de medidas lexislativas de protección, que poderían incluír a prohibición de cazar a menores de idade, tal e como avala o 92% da sociedade galega segundo unha enquisa propia, ou restrinxir o número de días".

As organizacións recordan no seu escrito que na última década en Galicia ocorreron 14 mortes relacionadas coa caza, incluso unha persoa menor de idade, e en Italia durante os últimos días abriuse o debate sobre a prohibición de batidas o domingo, despois do falecemento dun mozo por mor dun disparo accidental. Nesa liña, cuestionan que a Lei de Caza de 2013 reducise as distancias de seguridade "dos 200 aos actuais 100 metros de vivendas, colexios ou zonas de esparexemento, permitindo tamén disparar en camiños non asfaltados ou sinalizados, o que supón un risco engadido para paseantes e senderistas".

Estes colectivos advirten que "non valen máis escusas nin xustificacións para manter a 'barra libre' de chumbo e animais mortos nos montes da comunidade, e a participación de menores coma se dun deporte saudable e exento de risco se tratase". Na súa opinión, resulta "surrealista" que a Xunta avale, incluso con subvencións, a participación de mozos.

Comentarios