Liberan a un condutor do interior do seu vehículo tras saírse da vía en Gondomar

O accidente rexistrábase este martes pola tarde na estrada de Vincios, ao redor do punto quilométrico 15 da PO-331

Un home foi excarcerado na tarde deste martes ao quedar atrapado no interior do seu vehículo logo de saírse da vía pola que circulaba.

Ao fío das 16.00 horas, persoal do 061-Urxencias Sanitarias informaba ao 112 Galicia dunha saída de vía e coa persoa atrapada no interior do vehículo. Tamén, neses instantes, a Policía Local alertaba do mesmo suceso, indicaban que tiñan coñecemento dunha saída de vía na estrada de Vincios, ao redor do punto quilométrico 15 da PO-331, en Gondomar.

Foi a partir de aí, cando desde o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño, do GES e Protección Civil de Val Miñor e da Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, alertouse do suceso aos Bombeiros de Vigo e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia a excarceración da persoa ferida.