Libres con cargos os dous detidos por un dos grandes lumes de outubro en Gondomar

A ambos se lles relaciona co lume que se orixinou na parroquia de Morgadáns e chegou ata Vigo

Incendios en octubre. DP
photo_camera Incendios en octubre. DP

Dous homes foron detidos pola Garda Civil en relación coa vaga de incendios que arrasou Galicia o pasado mes de outubro e quedaron en liberdade tras pasar este mércores a disposición do xulgado de Instrución número 8 de Vigo, informaron a Efe fontes xudiciais.

Ningunha das partes presentes na declaración solicitaron o ingreso en prisión dos detidos, veciños de Gondomar, e duns 50 anos de idade, a quen se investiga xudicialmente por un delito de incendio forestal, detallan as fontes.

A ambos se lles relaciona cun incendio que tivo a súa orixe na parroquia de Morgadáns, en Gondomar, e que avanzou ata o termo municipal de Vigo, precisaron a Efe fontes da Garda Civil.

O arresto destes dous homes produciuse este martes tras as indagacións realizadas polo Seprona, que contou coa colaboración cidadá.

Ata a data, foran detidas outras catro persoas pola vaga de incendios de outubro de 2017, tres homes e unha muller, a quen relacionaban con incendios nos Blancos (Ourense), Mos (Pontevedra), Brión (A Coruña) e Meis (Pontevedra). 

Comentarios