martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Liorta entre Rufián e Gómez-Reino na comisión do Alvia

O deputado de En Marea e portavoz de Podemos Galicia chamoulle "pallaso" no medio dunha polémica polo veto a Ana Miranda (BNG) na sala

Gabriel Rufián e Antón Gómez-Reino protagonizaron este mércores unha liorta no Congreso, onde e portavoz de ERC no Congreso chegou a chamar "pallaso" ao deputado de En Marea e flamante líder de Podemos en Galicia. 

A disputa desencadeouse despois de que lle fose vetado o acceso a Ana Miranda á comisión que investiga o accidente do Alvia. A eurodeputada do BNG foi a que levou o caso a Bruxelas e quería asistir como público, convidada por Rufían, á xornada na que comparecía Chistopher Carr, xefe da unidade de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea (Era, polas súas siglas en inglés).

Rufián xa responsabilizara do veto a PP e PSOE, concretamente aos deputados Celso Delgado e Odón Elorza. Ao chegar á comisión xunto con Ana Miranda, e ver como lle impedían o paso á eurodeputada do Bloque, Rufián pediu explicacións e o presidente da comisión, Felix Guillaume, do PdeCat, respondeu: "Un acordo da mesa".

Entón apareceu Gómez-Reino, ao que Rufián lle preguntou: "Tedes algo que dicir os de Podemos ante este atropelo". O recentemente elixido portavoz da formación morada en Galicia explicou que votaran a favor da presenza de Ana Miranda e, ante a insistencia de Rufián, espetoulle un sonoro "pallaso".

As explicacións de Rufián e Gómez-Reino
Rufián, en declaracións aos xornalistas, considerou esta unha reacción "gravísima" ao tratarse, sobre todo, dun representante de En Marea, un partido "que ía asaltar os ceos e que supostamente defende aos galegos".

O deputado republicano asegurou que outras veces entraron na comisión persoas que non son nin deputados nin comparecentes nin xornalistas.

Con todo, dentro da comisión, Gómez Reino pediu a palabra para explicar que o protagonismo desta investigación ten que ser para as vítimas "e non para ningún político, nin para ninguén que estea nesta sala representando aos cidadáns". "Por respecto ás vítimas e á cidadanía non vou entrar no que entendo como provocacións agresivas", dixo ao comezo da comisión, á vez que subliñou que o seu grupo sempre defendeu que Ana Miranda estivese presente nesta sesión.

A eurodeputada do BNG agradeceu a Rufián o xesto e cargou contra o PP e o PSOE por vetar a súa presenza na comisión. 

 

Liorta entre Rufián e Gómez-Reino na comisión do Alvia
comentarios