Lobeira atribúe a agresión a un membro de Galiza Nova ao clima xerado por PP, VOX e Cs

"Isto enmárcase nun contexto xeral que é o caldo de cultivo propicio para que se xeren este tipo de agresións por parte da ultradereita ou o fascismo", asegurou. 

Bieito Lobeira. AEP
photo_camera Bieito Lobeira. AEP

O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, atribuíu aos discursos "antinacionalistas" de PP, Ciudadanos e Vox a existencia de "un caldo de cultivo propicio" para as agresións como a denunciada por Galiza Nova a un dos seus militantes

Lobeira, en entrevista na Radio Galega, condenou a agresión denunciada por un mozo da organización municipal do Bloque, que asegurou que en Pontevedra un grupo de mozos golpeárono ao berro de "isto é España", por, supostamente, levar unha camiseta coa bandeira de Galicia.

"Isto enmárcase nun contexto xeral que é o caldo de cultivo propicio para que se xeren este tipo de agresións por parte da ultradereita ou o fascismo", asegurou. 

"Hai discursos políticos que se fundamentan na intolerancia, no non recoñecemento de nacións, de pobos, linguas diferentes da española, e nese clima antinacionalista que se está xerando desde distintos ámbitos do Estado, desde o Partido Popular, desde Vox, desde Ciudadanos, crean o caldo de cultivo propicio para que determinados desaprensivos utilicen estes métodos violentos", subliñou. 

Lobeira asegurou que a agresión sufrida polo mozo non é "illada" porque tamén sufriron ataques as sedes do BNG e reiterou que "hai discursos políticos ou a xeración dunha corrente de pensamento fundamentada na intolerancia e aí si fago responsable ao Partido Popular, a Ciudadanos, a Vox, con discurso machista, homófobo, antiinmigración, intolerante cos idiomas diferentes do español" que "xeran ese caldo de cultivo propicio para este tipo de cuestións". 

"A ultradereita non é só  Vox, tamén está incluída no PP, en Ciudadanos", agregou, aínda que matizou que non apuntaba a militantes en concreto: "Non creo que haxa militantes do PP ou de calquera outro signo que eu coñeza nese tipo de prácticas". 

Comentarios