Localizado o condutor que se deu á fuga tras atropelar un peón en Nigrán 

Trátase dun veciño da localidade de 42 anos que conta con "antecedentes relacionados a seguridade viaria"

Restos do espello retrovisor do vehículo que conducía o veciño de Nigrán. GARDA CIVIL
photo_camera Restos do espello retrovisor do vehículo que conducía o veciño de Nigrán. GARDA CIVIL

A Garda Civil localizou o condutor que se deu á fuga tras atropelar a un peón de madrugada en Nigrán, e investígao penalmente por un suposto delito de lesións. 

Trátase dun veciño de Nigrán, de 42 anos de idade, que o pasado luns atropelou a un home mentres circulaba pola Ramallosa, ás 5.40 horas e, posteriormente, fuxiu do lugar. Segundo comprobaron os axentes, a condutor conta con antecedentes "relacionados a seguridade viaria". 

As pescudas do Grupo de Investigación e Análise do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra (GIAT) cos "restos do espello retrovisor" do vehículo fuxido que se atoparon no lugar do accidente, permitiron localizar o coche este martes, "cando estaba estacionado nas inmediacións do posto de traballo do suposto autor", en Gondomar. 

A Garda Civil trasladou que o condutor que se deu á fuga "tratou de xustificar o seu comportamento alegando que non se decatou do atropelo". 

O Xulgado de Instrución de Garda de Vigo encargarase deste suposto delito de lesións, onde deberá comparecer a persoa investigada cando sexa citada.