Luciano Méndez reafírmase e dubida que a USC vaia adoptar medidas contra el

"Vista a reacción desproporcionada e desmedida, sigo pensando o mesmo", sostén nun novo vídeo o profesor que asegurou que a vítima da Manada "gozou" e que pediu a absolución dos procesados

Luciano Méndez, no novo vídeo. FACEBOOK
photo_camera Luciano Méndez, no novo vídeo. FACEBOOK

O profesor da Universidade de Santiago (USC) Luciano Méndez Naya, que afirmou que a vítima da Manada "gozou", sostivo este venres que hai máis dun 90% de probabilidades de que os feitos sexan como el cre que ocorreron e cuestionou a posibilidade de que a USC adopte medidas contra el.

Nun novo vídeo publicado este venres no seu muro aberto de Facebook, este profesor, que sostén que a "razón" está do seu lado, defendeu a súa postura como "unha reflexión seria e coherente sobre os feitos en cuestión".

"Vista a reacción desproporcionada e desmedida, sigo pensando o mesmo (...) pero permíteme porlle un pouquiño de humor á cousa", indicou.

Na súa opinión, "o da Manada é todo inventado" e matiza que el non xulga "os precedentes" dos integrantes deste grupo, senón que xulga "os indicios do caso en cuestión". Recoñece que se cadra se confunde, pero "os indicios racionais" son os que el expón e, polo tanto, a conclusión "dunha persoa racional" ten que ser a mesma que a súa.

"A probabilidade de que as cousas sexan como eu as contei son dun noventa e moitos por cento", agregou, aínda que indica que podería rectificar se ten probas concluíntes noutro sentido. "Se me veñen e me sacan un vídeo no que a tipa (...) está a pasalo mal e vese que non sei que e tal, pois digo: Bueno, vale", comentou.

Méndez Naya agrega que se chama "tipo" a el tamén, polo que sostén que non é "despectivo con ninguén", ao referirse como "tipa" á vítima. Tras o vídeo recibiu numerosos comentarios nos que ve "moi poucas cousas razoadas" e, ademais, tamén sufriu, segundo di, ameazas.

MEDIDAS DA USC. "Ameazas de todo tipo, ameazas, medidas da Universidade... Parécenme cousas insólitas e fóra de lugar que a Universidade veña a meter coas miñas opinións persoais ¿Ou eu, por ser profesor universitario, teño que estar calado?", continúa.

Pensa que a situación de comentarios contra el é froito da "sociedade corrupta", como denomina á actual, na que hai persoas que gozan "insultando e menosprezando a outro", o que censura incluso aínda que el "tivese razón, fose un tolo descontrolado, un machista descontrolado e un machista dexenerado".

"Recoñezo unha cousa, a miña postura é arrogante, foino e o serao", engade no vídeo publicado á primeira hora deste venres. 

A súa posición deste venres chega tras a publicación doutro documento audiovisual o pasado 7 de maio o que afirma que a vítima da Manada, á que se refire como "a tipa", sabía ao que ía, que "gozou" e que a Audiencia Provincial de Navarra debería condenala por denunciar "tonterías" de feminismo "radical".

"Non dubido do voso poder pero nego categoricamente a vosa razón", resolveu minutos máis tarde nun comentario, tamén no seu muro de Facebook.

Despois de tres xornadas de críticas, na xornada deste xoves, antes de coñecer que a USC estudaba tomar accións tomar contra el, publicou un novo vídeo no que se mostra "disposto a defender" as súas posturas "ante quen faga falta" e acusa " manada social" de crucificar "a un tipo que disiente da opinión maioritaria". Este profesor, docente de Económicas, xa foi expedientado en 2016 por comentarios machistas a unha alumna en clase sobre o seu escote. 

Comentarios