Villares desempoa a toga

O lucense reincorporouse o mes pasado á súa praza de maxistrado especialista no TSXG e recuperou vellos vicios como a gaita ou os idiomas. A política, aseguran no seu contorno, é un episodio que xa queda "moi lonxano" para el

Reunion de En Marea. Luís VillaresCatro anos e 240.000 quilómetros despois, Luís Villares está de novo no seu hábitat natural: a xustiza. En concreto, na sección terceira do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), onde o lucense ten a súa praza de maxistrado especialista, á que renunciou por carta un 4 de agosto de 2016 para iniciar unha aventura política repleta de desgustos. Hoxe, con En Marea xa desaparecida, unha pandemia polo medio e a vida máis acelerada que nunca, parece que todo iso forma xa parte da prehistoria da política galega.

"Non imaxinas o lonxe que o ve todo", admiten os achegados a Villares, que recoñecen que o maxistrado se atopa xa plenamente integrado no seu antigo posto xudicial, onde se atopou con moitos dos seus compañeiros e onde, por certo, lle brindaron unha "moi boa acollida".

Villares segue vivindo en Lugo e traballa a distancia, aínda que acode polo menos un día á semana á sede do TSXG na Coruña, xeralmente os mércores. A súa reincorporación efectiva á praza materializouse o 1 de setembro, así que de momento leva mes e medio "poñéndose ao día". Apenas houbo tempo para máis. "Compra moitos libros e estuda moito". Pero iso xa o facía antes.

TRANSICIÓN. No fondo, Villares tivo máis sorte na súa transición da política á xustiza que da xustiza á política. Cando os grandes gurús do rupturismo o foron a convencer para facelo candidato á Xunta en 2016 polo seu perfil social e independente, xa empezaron a apuñalalo en plena campaña ao descubrir que non ía ser un monicreque fácil de manexar. E a partir de aí, a historia, dabondo coñecida, só podía ir a peor.

Con todo, a súa actual aterraxe foi moito máis levadía. Villares dimitiu o 19 de febreiro de toda responsabilidade en En Marea e puxo fin á súa carreira política, intensa e efémera a partes iguais. Pero a lei fixa que, unha vez se solicita un regreso á xustiza, debe efectivizarse en dez días, e el nunca quixo ter que ditar sentenzas antes das eleccións galegas, por unha cuestión de imaxe. Naquel momento, a cita coas urnas estaba fixada para o 5 de abril e o coronavirus era aínda un conto chinés.

Pero todo cambiou coa pandemia. O atraso electoral aprazou uns meses a folla de ruta do maxistrado Villares, un tempo no que o lucense mantivo –e por certo aínda mantén– o seu "voto de silencio", como el lle chamaba, que consistía en manterse apartado de calquera foco. Ata desapareceu das redes sociais. Visto o visto, case foi un visionario ou un pioneiro do confinamento que viría pouco despois. Pero o caso é que todo ese tempo extra "veulle moi ben" para marcar aínda máis distancia entre o Villares político e o maxistrado, aseguran. 

E iso que a súa tampouco foi unha desintoxicación fácil, segundo lle contou a algunha xente. "Estaba tan anoxado que ao principio nin era capaz de ver os telerxornais", din. Co paso o tempo, a cousa foi cambiando. E aínda que hai quen afirma que a espiral da política nunca te abandona, garanten que a Luís Villares si.

"É comprensible porque foron anos moi intensos" nos que o portavoz de En Marea puxo a andar un proxecto, tivo que afrontar varias convocatorias electorais e todo iso nun ambiente interno tan hostil. "El é así, entrégase, non ousabe facer doutra forma", relatan algúns compañeiros. O propio Villares confesaba no seu adeus que xa era capaz de percorrer "Galicia de arriba a abaixo sen GPS" tras unha experiencia política con 60.000 quilómetros ao lombo ao ano. Ir do conflito de Alcoa San Cibrao ao do paritorio de Verín na mesma xornada era parte da axenda.

De todos os xeitos, tampouco todo van ser malos recordos. Porque aínda que a experienca política de En Marea non é para presumir e acabou mal, no medio sempre se rescatan cousas positivas, especialmente "a xente". Polo menos algunha. E parece algo recíproco, porque aínda hoxe nos corredores do Parlamento hai quen recorda que Luís Villares, máis aló do seu papel como deputado, é sobre todo "unha boa persoa".

A NOVA VIDA. Xunto ao maxistrado Villares e ao expolítico Villares convive o cidadán Villares, ese a o que a súa nova vida permitiulle "rescatar algúns dos vellos vicios que tiña", segundo os seus amigos. Apuntouse de novo a clases gaita e zanfona, aínda que "non tivo moito tempo a ir". E tamén retomou as clases de francés, o idioma que sempre o conectou con Europa. 

O demais, vida tranquila en tempos de covid. E familia. Reza o dito galego algo así como que "O demo dálle sobriños a quen non ten fillos". Pois a el dous, de 8 e 10 anos. E cos nenos xa se sabe que non pode ninguén. Nin a política nin a xustiza.

Comentarios