Manuel Charlín, cazado ao volante en Vilanova sen puntos no carné

O patriarca dos Charlines, de 87 anos, deberá comparecer nos xulgados acusado dun delito contra a seguridade viaria
Manuel Charlín, tras salir en libertad con cargos. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Manuel Charlín. ARQUIVO

O patriarca dos Charlines, Manuel Charlín Gama, de 87 anos, deberá comparecer de novo nos xulgados nos próximos días, nesta ocasión, acusado dun delito contra a seguridade viaria. A Policía Local de Vilanova de Arousa interceptouno o venres 30 de xaneiro cando circulaba polas rúas do municipio ao volante do seu vehículo.

Tras solicitarlle a súa documentación, os axentes comprobaron que perdera todo os puntos, polo que se lle retirou o permiso de condución. Ante esta situación os axentes imputáronlle un delito de seguridade viaria polo que agora deberá comparecer nos xulgados de Vilagarcía.

 Segundo informan fontes da Policía Local de Vilanova de Arousa, o suposto delito que se lle atribúe está contemplado no Código Penal cunha pena de prisión de 3 a 6 meses ou cunha multa de 12 a 24 meses. Poderá ser conmutada por traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.

En 2019 xa viviu un enfrontamento con policía locais por un asunto de tráfico

ANTECEDENTES. Esta non é a primeira vez que Manuel Charlín é denunciado por policías locais de Vilanova, municipio no que reside. De feito, en xuño de 2019 o patriarca dos Charlines tamén viviu un enfrontamento con varios axentes tras aparcar o seu coche xusto na saída dunha ponte peonil, onde obstaculizaba o paso ás persoas que por alí transitan. 

Logo de comprobar que o vehículo estaba mal estacionado os axentes localizaron a Manuel Charlín nun bar próximo e comináronlle a que retirase o coche, ao que o patriarca fixo caso omiso. Ante esa situación, a Policía Local solicitou a presenza dun guindastre para proceder á retirada do vehículo. Foi ao ver chegar o guindastre cando Manuel Charlín abandonou o bar e dirixiuse cara aos axentes proferindo todo tipo de insultos. 

Ante a firmeza da Policía Local, que non lle permitiu que levase o vehículo, Charlín abonou finalmente o importe correspondente ao enganche do guindastre, recolleu a denuncia pola infracción de tráfico e esperou a que chegase unha persoa que levou o coche do lugar. Ademais da sanción por mal estacionamento, os axentes da Policía Local de Vilanova elevaron tamén naquela ocasión unha denuncia contra Manuel Charlín Gama por desobediencia á autoridade

Comentarios