Manuel Jabois será o pregoeiro do Entroido de Santiago

O xornalista sanxenxino pronunciará o pregón este sábado desde o balcón de Bendaña 

Manuel Jabois. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Manuel Jabois. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O xornalista sanxenxino Manuel Jabois será o pregoeiro do entroido en Santiago de Compostela, que se abrirá este sábado, 2 de marzo, coa subida ao balcón do Pazo de Bendaña da tradicional figura do 'Meco', que este ano se inspira no excomisario José Manuel Villarejo. 

Tras o desfile do 'Meco' desde a praza de Cervantes ata a do Toural, acompañado polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño, Jabois —que traballou en medios como Diario de Pontevedra, Jot Down ou El País– pronunciará o pregón desde o balcón de Bendaña ás 20.30 horas. Posteriormente, haberá un espectáculo de patinaxe sobre zancos a cargo do grupo colombiano Tchyminigagua polas rúas do centro histórico. 

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu a coñecer a programación do 'Entroido' deste ano, xunto ao creador da figura, José Manuel Méndez, nun acto no que tamén se presentou o cartel a cargo do artista Marcos Vigo. 

Méndez explica que o 'Meco' deste ano está inspirado en Villarejo, o excomisario da Policía que se atopa en prisión provisional acusado de delitos de organización criminal, suborno e branqueo de capitais. "O boneco (chamado 'Mecorejo') leva nunha man micros e sistemas de escoita, os petos cheos de billetes, e nas mans o cartafol coa que se esconde para facer as súas típicas escapadas a paso lexionario", apunta.

PROGRAMACIÓN. O domingo, 3 de marzo, a comparsa Os Conformistas de Conxo sairá á rúa desde as 10.30 horas e estará acompañada pola charanga Os Atrevidos. 

Ás 12.00 horas haberá un concerto no Teatro Principal da Banda Municipal de Música en colaboración coa asociación Amigos da Ópera de Santiago. A xornada dominical terá como cita central o festival infantil de disfraces, que se celebrará na Sala Capitol. 

Xa o luns, o Pazo de Bendaña acollerá actividades para os máis pequenos, con talleres de máscaras surrealistas con entrada libre ata completar aforamento (de 12.00 a 14.00 horas). Pola tarde haberá clases de danzas de entroido. 

O día grande das festas de entroido será o martes, 5 de marzo, no que terá lugar o desfile que sairá da Avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Percorrerá as rúas Praza Roxa, Hórreo e Xoán Carlos I, entre outras. A partir das 20.00 horas terá lugar o espectáculo 'Antroidanzas' na Sala Capitol, onde se entregará os premios do desfile. Van repartirse 14.000 euros en seis categorías. 

Santiago despedirá o entroido o mércores, 6 de marzo, coa queima do 'Meco' de Villarejo na Praza Roxa, con veciños vestidos de rigoroso loito para a ocasión. Toda esta programación complétase co tradicional entroido de Xenerais da Ulla. 

Comentarios