martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

O maquinista do Alvia: "Era un accidente anunciado"

Durante a Comisión de Investigación sobre o accidente de Angrois, Garzón pediu entre bágoas que fose outra persoa quen lese a declaración que traía escrita 

 

O maquinista do tren Alvia sinistrado en Santiago de Compostela en 2013, Francisco José Garzón Amo, asegurou este mércores no Congreso que se tratou dun "accidente anunciado" porque toda a seguridade da liña e, en concreto, na curva de Angrois onde se produciu a catástrofe quedaba unicamente "en mans do maquinista".

Garzón, que comparece acompañado polo seu avogado na Comisión de Investigación sobre o accidente, pediu entre bágoas e visiblemente emocionado que fose outra persoa quen lese a declaración que traía escrita e na que pediu perdón ás vítimas e ás familias.

"Se non está de ánimo, suspenderemos a sesión ou o que sexa necesario", asegurou o presidente da Comisión, o deputado do PDeCAT, Feliu Guillaumes.

Na declaración, lida polo secretario da comisión, o maquinista pediu que se puidese escoitar a gravación completa da conversación que mantivo co posto de mando instantes despois do accidente.

Garzón asegura que só quere vivir "en paz" e que tería preferido morrer no accidente, se con iso salvara a vida dalgunha das vítimas

Unha conversación na que recoñecía que ía a 190 quilómetros por hora e non a 80, pero no que alertaba tamén de que iso podía ocorrer calquera día pola falta de sinalización e de medidas de seguridade da liña. "Dixen que algún día isto ía pasar, que eramos humanos", admitiu.

Unha gravación que a Mesa da Comisión decidiu non difundir na sesión, pero que o portavoz de ERC, Gabriel Rufián, intentou reproducir no seu teléfono móbil aproveitando a súa quenda de palabra, momento no que o presidente da Comisión suspendeu a sesión durante uns minutos.

Tras este episodio e renovada a comparecencia, a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, leu o tenor da conversación, na que o maquinista insiste sobre o perigo da curva, do que alertara repetidamente aos seus superiores antes do sinistro.

"¿Pensa que foi unha cabeza de turco?", preguntoulle a portavoz de En Marea, ao que o maquinista contestou que só quere vivir "en paz" e que tería preferido morrer no accidente, se con iso salvara algunha das persoas que perderon a vida no sinistro.
 

O maquinista do Alvia: "Era un accidente anunciado"
comentarios