En Marea asómase a un novo cisma por un posto de senador

Villares fracasa ao propor como opción de consenso a Manuel Lago e culpa a Podemos de "impor" unha votación

Luís Villares y Manuel Lago.LAVANDEIRA JR.(EFE)
photo_camera Luís Villares e Manuel Lago.LAVANDEIRA JR.(EFE)

O deputado de En Marea Manuel Lago rexeitou este mércores converterse no senador por designación autonómica que corresponde á formación rupturista como segunda forza da Cámara galega. A proposta saíu do portavoz, Luís Villares, que puxo sobre a mesa esta terceira vía ao entender que Lago podía ser un candidato de consenso entre os seus afíns e o sector crítico, integrado polos parlamentarios de Podemos, EU e Anova. 

A negativa levou a activar unha votación telemática que se pechou a medianoite para elixir entre Mariló Candedo —a proposta do Consello das Mareas, que encabeza Villares— e José Manuel Sande, o candidato que conta co apoio explícito de Podemos para representar a En Marea na nova lexislatura na Cámara alta e que, de xeito evidente, se imporá como vencedor. E é que a correlación de forzas existente no grupo decántase ao lado da oposición a Villares, que só conta co apoio declarado de tres dos seus trece compañeiros de filas no Hórreo. Consciente disto, entrada a noite a dirección de En Marea emitiu un comunicado expresando o seu rexeitamento á votación ao considerala "unha imposición de Podemos". 

Nun intento por salvar a división, o maxistrado en excedencia puxo durante a mañá do mércores sobre a mesa o nome de Lago, próximo a Esquerda Unida, ao entender que a súa figura podería contar co "consenso" pertinente. Fíxoo tras manter varias reunións co resto de deputados da súa formación. 

Con todo e tras unha breve reflexión, o economista, que é profesor na Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña e membro do gabinete confederal de CC.OO., declinou postularse para ocupar o escano ao entender que o Senado non é a institución na que mellor podería sacar rendemento ao seu perfil. 

Este novo conflito chega nun escenario no que a portavocía de Villares no Parlamento galego está moi cuestionada precisamente por esta falta de apoio. Non fai senón evidenciar a magnitude da división nunha formación que consumou a ruptura coa presentación de candidaturas diferentes tanto ás eleccións xerais como ás municipais.

Comentarios