En Marea e BNG ven o auto de peche de instrución do Alvia "limitado" e "decepcionante"

O PP e PSdeG limitáronse a mostrar "respecto" pola decisión xudicial.

Un cartel ante as vías en Angrois. PEPE FERRÍN
photo_camera Un cartel ante as vías en Angrois. PEPE FERRÍN

O auto de peche de instrución do accidente de Angrois, que en xullo de 2013 causou a morte a 80 persoas e deixou 144 feridos, con dous imputados –o maquinista e o que era director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte– foi avaliado por En Marea e BNG como "limitado" e "decepcionante", mentres que PP e PSOE non entraron no seu contido e limitáronse a mostrar "respecto" pola decisión xudicial. 

En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, considerou que "as responsabilidades van máis aló destas dúas persoas" incluídas como imputadas no auto, polo que considera "limitado" o escrito xudicial. 

Para Antón Sánchez, na comisión de investigación do accidente do Congreso vai quedando "acreditado" que a responsabilidade da desconexión do ERTMS "sen avaliación dos riscos vai máis aló do señor Cortabitarte". 

Sánchez: A comisión revela que os gobernos do PSOE e PP obstaculizaron o coñecemento da verdade

O deputado advirte que a comisión tamén revela unhas "institucións e gobernos do PSOE e PP que obstaculizaron o coñecemento da verdade, que mentiron e manipularon como se viu no ditame da Axencia Europea Ferroviaria e que se fixo unha investigación non independente". 

Neste sentido, subliñou o labor das vítimas e das forzas políticas que "defenden que se coñeza a verdade" e reclamou que se faga "realmente xustiza e que paguen por iso os verdadeiros responsables". 

"Ademais das responsabilidades que se poidan dirimir na xustiza, hai unhas responsabilidades políticas evidentes no Ministerio de Fomento, tanto na etapa socialista como na popular", apuntou Antón Sánchez.

"ACELERADO E DECEPCIONANTE". Tamén no Pazo do Hórreo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou "acelerado e decepcionante" o auto de peche sobre un accidente que "deixou unha pegada moi fonda na sociedade" galega. 

"Dános a sensación de que queda a medio gas, que non vai até o fondo e non é capaz de dirimir responsabilidades políticas nas decisións políticas que puxeron en risco (ás persoas)", sinalou. 

Pontón, sobre o peche do auto: Dános a sensación de que queda a medio gas, que non vai até o fondo e non é capaz de dirimir responsabilidades políticas

Así as cousas, para a dirixente nacionalista trátase dun "peche acelerado e decepcionante que non vai cumprir co obxectivo de facer xustiza e reparación".

RESPECTO POLA XUSTIZA. Pola súa banda, o deputado do PPdeG Martín Fernández Prado manifestou o seu "respecto" polas decisións xudiciais e entendeu o peche da instrución como "un paso máis na liña de esclarecer todos os aspectos e dúbidas que había no accidente". 

Así mesmo, asegurou que o "obxectivo" dos populares "sempre foi e sempre será" que se "esclarezan as causas do accidente" para que "non volvan suceder", e manifestou tamén o seu "respecto" por que a Plataforma de Vítimas do Alvia recorran o auto de peche de instrución. 

"Sempre tiveron o noso apoio e vano a seguir tendo e respectamos totalmente que poidan exercer ese dereito", sentenciou o parlamentario popular, unha liña similar á expresada polo portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Leiceaga: Cremos que non debemos entrar nun procedemento que é xudicial estritamente; no plano político está a funcionar outro procedemento que ten os seus ritmos

DIFERENZA ENTRE XUDICIAL E POLÍTICA. Así, o dirixente socialista expresou o seu "respecto polos procedementos xudiciais e os distintos que están en marcha" e mostrou a súa "confianza" pola "acción do a xustiza para determinar as responsabilidades en relación ao tráxico accidente e quen debe pagar". "Neste sentido pouco máis temos que dicir", apuntou. 

Preguntado polo recurso anunciado polas vítimas, manifestou que sobre iso os socialistas "non teñen posición" e considerou que "cada interpelado neste asunto ten a posibilidade de usar os recursos legais á súa disposición". 

"Cremos que non debemos entrar nun procedemento que é xudicial estritamente; no plano político está a funcionar outro procedemento que ten os seus ritmos e as súas finalidades, pero non se poden mesturar ambas as cousas", resolveu, en referencia á instrución xudicial e á comisión de investigación no Congreso dos Deputados. 

Comentarios