En Marea denuncia que a gratuidade da AP-9 en Redondela "encubrirá" outra suba das peaxes

A formación subliña que a liberación dese tramo non debería carrexar contrapartidas custeadas polos usuarios

Cabinas de peaje de la AP-9, a su paso por Pontevedra. JAVIER CERVERA
photo_camera Cabinas de peaxe da AP-9, ao seu paso por Pontevedra. JAVIER CERVERA

En Marea denuncia que a gratuidade da AP-9 en Redondela axudará a "encubrir" outra subida das peaxes no resto do trazado da autoestrada.

O Ministerio de Fomento accedeu á petición da Xunta de liberar de peaxe o tramo entre Redondela e Vigo, segundo confirmou o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar, tras reunirse este martes en Madrid coa súa homóloga na administración galega, Ethel Vázquez. Pomar detallou que esta medida financiarase con cargo á tarifa xeral que se abona na autoestrada e que haberá que estudar o seu impacto na mesma.

Nun comunicado, En Marea subliña que a liberación do tramo Vigo-Redondela non debería carrexar contrapartidas custeadas polos usuarios tendo en conta o volume de ingresos e beneficios que esta vía xera á concesionaria, Audasa, e os recentes incrementos de peaxes autorizadas polo Goberno.

Abunda en que o volume económico do 1% de subida en todo o tráfico da AP-9 ten un montante "moi superior" ao que pode supoñer deixar de cobrar a peaxe en Redondela.

Comentarios