En Marea denuncia a Xunta ante a JEC por propaganda indebida

Villares cre que a campaña, titulada 'Xuntos estamos construindo a mellor Galicia para visitar, que é tamén a mellor para vivir', ten como obxectivo "encomiar os logros do PP

Luís Villares. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Luís Villares. Óscar CURRAL

En Marea presentou unha denuncia ante a Xunta Electoral Central (JEC, nas súas siglas en castelán) contra a Xunta por divulgación "de propaganda indebida en época preelectoral". En concreto, o partido instrumental entende que a publicación na web do Goberno galego dunha campaña de logros "e proxectos" en materia turística constitúe un incumprimento da regulación en período de campaña. 

Segundo recolle un comunicado emitido este mércores, a dirección de En Marea que encabeza Luís Villares cre que a campaña, titulada 'Xuntos estamos construindo a mellor Galicia para visitar, que é tamén a mellor para vivir', ten como obxectivo "encomiar os logros do PP en materia turística e de creación de emprego". 

Deste xeito, sinala que esta campaña e a súa publicación na páxina web institucional do Goberno galego vulnera o artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), así como a instrución emitida o pasado 4 de marzo pola JEC sobre as consecuencias da simultaneidade das eleccións xerais cos comicios locais, europeos e autonómicos convocados para un mes despois. 

Así as cousas, tras censurar o "afán propagandístico" do Goberno galego que lidera o popular Alberto Núñez Feijóo, En Marea solicita que dita campaña sexa "prohibida" durante o período electoral e que a JEC "adopte as medidas sancionadoras prevista na Loreg". 

Comentarios