En Marea reunirase con Facenda e Fomento para intentar mellorar o orzamento para Galicia

"Será un camiño duro porque o recorte orzamentario é moi forte e ten que ser rectificado", augurou Díaz

Yolanda Díaz. ep
photo_camera Yolanda Díaz. EP

A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, anunciou este luns que o Goberno aceptou crear un grupo de traballo coa súa formación, do que formarán parte membros dos ministerios de Facenda e Fomento, e que se reunirá esta mesma semana para "negociar e repensar" os investimentos previstos para Galicia nos Orzamentos Xerais de 2019. 

En Marea ameazara con non apoiar as contas públicas pactadas entre o Goberno e Unidos Podemos se non se melloraban as partidas para a súa comunidade e tamén pedira que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, comparecese esta semana no Congreso para explicar ese recorte dos investimentos en Galicia. Con todo, unha vez que o Goberno accedeu a abrir unha negociación con En Marea, retirou esa petición de comparecencia da Deputación Permanente que se reúne este luns no Congreso. 

Díaz mostrou a súa "satisfacción" e "alegría" por que considera que o Executivo se deu conta de que os cinco votos de En Marea son "determinantes" para garantir a aprobación dos Orzamentos para 2019 e de que a proposta de investimentos para a súa comunidade "non era en absoluto boa".

UNHA NEGOCIACIÓN DURA. Así, recordou que as contas presentadas por Montero supoñen unha caída de 40 puntos neses investimentos en comparación co exercicio anterior e que ese recorte non só foi criticado pola súa formación ou polo PP, senón que xerou tamén malestar no Partido Socialista de Galicia. A deputada de En Marea non ocultou que a negociación que van abrir con Fomento e Facenda vai ser difícil. "Será un camiño duro porque o recorte orzamentario para Galicia é moi forte e, sen dúbida, ten que ser rectificado", dixo, prometendo traballar con seriedade, "rigor, firmeza" e tamén con "flexibilidade". 

Ademais, recordou que En Marea ten aberta outra vía de negociación co Goberno ao redor de 50 medidas que bautizaron como a 'Axenda Galega do Cambio', que versan sobre cuestións extrapresupuestarias, como o traspaso de certas competencias, asuntos lingüísticos e relativos ás negociacións internacionais en materia de pesca e gandería. 

Comentarios