Martín Berasategui ofrece en Galicia a súa receita contra a obesidade infantil

Presenta a campaña 'Eat like a pro' que incide na necesidade de educar os máis pequenos con bos hábitos alimentarios

Martín Berasategui. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Martín Berasategui. LUíS POLO (AGN)

O cociñeiro Martín Berasategui. LUíS POLO (AGN)O famoso cociñeiro Martín Berasategui participou este venres en Santiago de Compostela no acto de presentación da campaña Eat like a pro, coa que pretende contribuír a loitar contra o "preocupante" crecemento da obesidade infantil. Esta iniciativa, desenvolvida pola marca de electrodomésticos Beko e apadriñada por Berasategui xunto cos servizos de nutrición do Fútbol Club Barcelona, pretende facer énfase na necesidade de educar aos máis pequenos con bos hábitos desde a infancia para previr unha mala alimentación.

Con este obxectivo, elaborouse un libro de receitas "para toda a familia", explica o cociñeiro gañador dunha decena de estrelas Michelin, e que son boas desde un punto de vista nutritivo para o crecemento dos nenos. Desta forma, Eat like a pro pretende lograr que os nenos de agora "sexan a primeira xeración en educar aos pais a comer", xa que Berasategui entende que entre os adultos hai xa consolidados hábitos alimenticios máis prexudiciais.

Así pois, nesta responsabilidade quixo incluír tamén ás administracións públicas e ao sistema educativo, xa que sostén que a obesidade é un problema que se debería "atallar desde as escolas" con materias con contido de alimentación, nutrición e dietética. A obesidade infantil é, segundo Berasategui, un "problema de saúde gravísimo" ao que non se lle presta a atención suficiente, a pesar de que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. 

Comentarios