Máis de 37.000 galegos maiores de 74 anos continúan conducindo

A xente de avanzada idade con carné aumenta en pleno debate social sobre a súa capacitación
Asistentes al homenaje
photo_camera Asistentes al homenaje

O sábado 12 de marzo un condutor de 87 anos atropelaba con consecuencias fatais a un pelotón de ciclistas na Guarda e só sete días despois outro de 88 falecía en Ponteareas nun choque co seu coche sen carné. Sucesos, os protagonizados por xente maior ao volante, que adoitan repetirse con certa frecuencia e que manteñen máis vivo que nunca o debate sobre a conveniencia de conducir a determinadas idades.

Pero mentres se busca unha solución, en forma de cursos de reciclaxe, maiores controis ou directamente a limitación da idade ao volante, o certo é que os galegos maiores de 74 anos con carné de conducir en vixencia aumentan cada ano. Os datos estatísticas da DXT falan de 37.063 con permiso de tipo B –o estándar para un turismo– no arranque deste mesmo ano,

Atendendo á evolución das cifras, hai uns 10.000 máis que no ano 2010 na comunidade, por exemplo. Idéntico incremento que en Lugo, onde no útimo lustro pasouse de 3.191 homes e mulleres con carné maiores de 74 anos aos 5.079 actuais: aproximadamente 2.000 máis. O mesmo comportamento que se podería aplicar ao resto do territorio galego e nacional. Así, A Coruña ten hoxe 14.819 carnés de conducir en mans de xente maior, polos 11.367 de Pontevedra, os 5.798 de Ourense e os 5.079 de Lugo. En Galicia, sempre segundo Tráfico, hai expedidos hoxe 1.229.853 permisos de condución de tipo B: 534.674 na Coruña, 140.798 en Lugo, 142.707 en Ourense e 411.674 en Ourense. Iso significa que a porcentaxe de xente maior ao volante, os 37.063 maiores de 74 anos, só representan o 3% do total de condutores.

MAIOR SINISTRALIDADE. Con todo, a súa incidencia nas estatísticas de sinistralidade ten moito máis peso do que lle correspondería á súa presenza nas estradas. Por exemplo, os españois que conducen con 65 ou máis anos representan ao redor do 10% do total en España, pero en 2015 este grupo de idade constituíu o 22% das vítimas mortais. Unha realidade extrapolable a Galicia e que o mes pasado, sen ir máis lonxe, contribuíu a activar todas as alarmas.

Nun febreiro especialmente nefasto nas estradas, con quince vítimas mortais, a metade tiña máis de 65 anos. E delas, tres foron condutores con máis de 70. Os principais problemas aos que se enfrontan en moitas ocasións estes maiores, máis aló da limitación das condicións físicas propias da idade, teñen que ver con conceptos da normativa de condución que evoluciona ou coa complexidade das novas autovías e infraestruturas: baste ver a idade media dos kamikazes que irrompen en sentido contrario nas vías de dobre carril da comunidade.

Tamén asocian os expertos á súa alta sinistralidade a elevada antigüidade do parque móbil de vehículos que manexan. Isto ocorre, ademais de cos coches, coas motocicletas ou os tractores, aínda que os accidentes en leiras privadas con vehículos agrícolas non entran na estatística que elabora anualmente a DXT, como os turismos sen carné.

Neste escenario e coa evidencia do envellecemento poboacional sobre a mesa, autoridades e institucións buscan algunha solución, que para a maioría de expertos tería que ir orientada aos cursos de reciclaxe e ao endurecemento dos psicotécnicos.

Comentarios