Medicina, Odontoloxía e Enxeñería Aeroespacial, as notas de corte máis altas de Galicia

Galicia contará o próximo curso con tres novas titulacións universitarias: Criminoloxía, Biotecnoloxía e Paisaxe 

Facultad de Medicina de Santiago. AEP
photo_camera Facultade de Medicina de Santiago. AEP

Medicina e Odontoloxía, na Universidade de Santiago de Compostela (USC); Enxeñería Aeroespacial, no campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo); e os dobres graos sitúanse un ano máis como as formacións de máis difícil acceso, xa que contan coas notas de corte máis altas de todo o Sistema Universitario de Galicia (SUG). 

Os alumnos que a semana pasada realizaron a Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) coñeceron este venres as notas destes exames, coas que competirán por unha praza na educación superior. 

Neste sentido, a nota de corte máis alta de toda Galicia mantena o dobre grao en Matemáticas e Física da USC, xa que o último alumno en entrar no curso pasado alcanzou unha nota de 13,356 na Selectividade. 

Seguen a esta formación a simultaneidade de estudos en Comunicación Audiovisual e Xornalismo na USC, cun 12,942; o dobre grao en Enxeñería Informática e Matemáticas nesta mesma institución, cun 12,800; e Bioloxía e Química na Universidade da Coruña (UDC). 

En canto aos graos ordinarios, lideran o ranking, como é tradicional, a carreira de Medicina, cun 12,286 de nota de corte; Odontoloxía, cun 11,278; e Enxeñería Aeroespacial, cun 10,914. 

Seguidamente, outras formacións polas que optan os alumnos con mellores cualificacións son os graos en Enxeñería Informática (10,817), Física (10,780) –ambas na USC–, Tradución e Interpretación de español a inglés na UVigo (10,760) e Estudos lingüísticos e literarios de español na UDC (10,700). 

Así mesmo, a USC e a UDC anunciaron este mércores os novos graos en Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, que estarán dispoñibles no plan universitario galego a partir do próximo curso 2018/19. Estas formacións contarán con 240 créditos que se cursarán durante catro anos cunha oferta de 50 prazas, que se asignarán a través dos procesos habituais de acceso á universidade.

O 90% APROBARON SELECTIVIDADE. A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) deu a coñecer este venres que os aprobados da Selectividade na Comunidade ascenderon a 9.091 dos 10.024 estudantes –o 90,69%– que realizaron os exames entre os días 12 e 14 de xuño. 

PREINSCRIPCIÓN E MATRÍCULA. A preinscrición nos graos universitarios poderase realizar desde este luns, día a partir do cal cada alumno poderá rexistrar na aplicación web Nerta un ranking das cinco carreiras que máis lles gustaría cursar. Este prazo pecharase o día 3 de xullo. 

Seguidamente, o día 16 dese mesmo mes darase a coñecer a primeira listaxe de alumnos admitidos nos graos que eles mesmos seleccionaron como preferentes. No momento no que a aplicación convoque ao estudante, este poderá realizar a matrícula no primeiro prazo entre os días 17 e 19 de xullo. 

En cambio, se o alumno non é convocado o día 16, terá a opción de esperar á publicación de ata outras seis listas de admitidos e prazos de matrícula, polo que podería ser que ata o mes de outubro non coñecese de forma definitiva o grao universitario ao que pode acceder.

Comentarios