Medio Rural levará este mércores a Bruxelas demandas de Galicia ante a reforma da PAC

"Galicia avoga polo mantemento dunha PAC forte, é dicir, ben dotada de orzamentos", asegura a Xunta

Ángeles Vázquez. PEPE FERRÍN
photo_camera Ángeles Vázquez. PEPE FERRÍN

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reunirase este martes en Bruxelas co director xeral adxunto da Dirección de Agricultura, Rudolf Moegele, para trasladarlle as necesidades e demandas de Galicia ante a revisión da Política Agrícola Común (PAC) máis aló do ano 2020.

Galicia "avoga polo mantemento dunha PAC forte, é dicir, ben dotada de orzamentos, simplificada e que teña en conta as necesidades de rexións como a galega, que ten a consideración de noveno territorio europeo en produción de leite e líder no ámbito español neste sector", informa a Xunta nun comunicado.

A conselleira, que estará acompañada pola directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, defenderá que se manteña o apoio aos agricultores e gandeiros, "na súa condición de produtores de alimentos sans e seguros para a poboación e, polo tanto, do tecido agrogandeiro galego, fundamental tanto desde o punto de vista económico como social e tamén ambiental".

A delegación galega incidirá, indícase no comunicado, na necesidade de vincular "o futuro de Europa coa existencia dun rural vivo e dinámico, e coas políticas que impulsa a Xunta para paliar as consecuencias negativas do seu despoboamento e do envellecemento dos seus habitantes, unhas liñas de actuación para as que os fondos comunitarios son vitais".

Os responsables da Xunta aproveitarán tamén a súa estancia en Bruxelas para asistir ao evento organizado pola Asociación de Rexións Europeas para os Produtos de Orixe, entidade que agrupa 31 rexións europeas e máis de 700 grupos de produtores.

Neste foro está previsto que participen, entre outros, os presidentes da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, José Montes, e da Asociación Española de Denominacións de Orixe, Jesús González, que é ademais presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún de Galicia.

Comentarios