Miguel Rosendo, condenado a nove anos de prisión por abusos sexuais

O líder dos Miguelianos enfrontábase a unha petición de 66 anos de cárcere por parte da Fiscalía

Miguel Rosendo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Rosendo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Audiencia Provincial de Pontevedra fallou a sentenza do caso coñecido dos Miguelianos cunha condena de nove "anos" para o líder da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, Miguel Rosendo, segundo confirmaron a Europa Press fontes do TSXG.

Miguel Rosendo foi condenado polo tribunal a nove "anos de prisión por un delito de abuso sexual continuado con prevalimento e penetración", sendo absolto do resto de acusacións que pesaban sobre el.

O líder dos Miguelianos enfrontábase a unha petición de 66 anos de cárcere por parte de Fiscalía por delitos de asociación ilícita, contra a integridade moral, cinco de coaccións e tres contra a liberdade sexual -un de agresión sexual continuado e dous de abuso sexual continuado-.

A avogada da acusación particular, Ana Reguera, explicou a Europa Press que a sentenza condena a Rosendo por un delito de "abusos" sexuais contra unha das consideradas vítimas na causa.

Os outros seis membros da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo que figuraban como imputados por asociación ilícita, Ivana Lima, Belén Esmerodes, José Carlos Acebedo e Iria Quiñones foron absoltos.